Prado leva ao Parlamento a situación de precariedade dos operarios encargados do mantemento da Autovía do Salnés

A deputada faise eco das denuncias do sindicato nacionalista CIG para garantir a seguridade dos traballadores

Prado leva ao Parlamento a situación de precariedade dos operarios encargados do mantemento da Autovía do Salnés

Diante da denuncia pública que ven de facer a  central sindical CIG sobre a situación de precariedade laboral dos operarios encargados do mantemento da autovía do Salnés, o BNG, a través da deputada Montse Prado, presentou unha proposición non de lei instando ao Goberno Galego a esixirlle á empresa concesionaria do mantemento da autovía do Salnés o cumprimento das condicións laborais para garantir a seguridade laboral d@s traballadores/as responsábeis do mantemento da vía así como d@s usuari@s.

A empresa concesionaria, cun cadro de persoal de 13 persoas,  só ten catro destinadas ao servizo de mantemento, xa que o resto adícanse a actividades como control de monitores ou xefaturas.

Para a deputada é inadmisíbel que só  catro persoas sexan as responsábeis de realizar todas as labores de mantemento e limpeza de valla perimetral, peches, cunetas e beiravías, pasos inferiores e superiores, pintado a man dos cebreados. Ademais, de ter que realizar a sinalización e protección da zona en caso de accidente ou sinistro, agardas á chegada dos servizos de emerxencias e tráfico e logo proceder á retirada dos restos de vehículos e limpeza do firme.

Para a nacionalista “a Xunta de Galiza, como titular desta vía e responsábel da concesión á empresa do mantemento da mesma, non pode consentir este nivel de precariedade que pon en risco tanto @s traballadores como @s usuari@s.”

“Este risco non é un futuríbel senón que xa se ten manifestado en varios accidentes, varios deles de extrema gravidade, un con consecuencia de morte para un traballador en agosto de 2017”, sinala Prado.

Toda esta situación, que xa foi posta en coñecemento do Delegado Territorial da Xunta de Galiza en Pontevedra por parte da CIG, leva ao BNG a preguntar, a través dunha iniciativa parlamentar, as accións que ten realizado ou vai realizar a Xunta de Galiza diante da precariedade laboral que practica esta empresa e si lle ten aberto algún expediente sancionador.