REUNIÓN COA XUNTA DE PERSOAL DO CENTRO Á QUE TRASLADAN A DISPOSICIÓN DO BNG PARA SUMAR CON TODOS OS COLECTIVOS, PARTIDOS E VECIÑANZA CONTRA A REFORMA SANITARIA DE FEIJÓO
Pontón: “ O PP non vai atreverse a tirar abaixo o Hospital do Sanés pero quere reducilo a un ambulatorio"
Lembran que o hospital carece de UCI, dunha ambulancia medicalizada, e que hai lista de espera para a atención primaria na comarca
A portavoz nacional, Ana Pontón, e a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, encabezaron a delegación do BNG na reunión coa xunta de persoal do Hospital do Salnés á que lle transmitiron a súa total oposición á contrarreforma sanitaria que quere impoñer a Xunta que, nesta comarca, suporía a desaparición da área sanitaria afondando na privatización e no recorte de servizos.
Pontón deixou claro que o BNG ten como prioridade política a defensa da sanidade pública, “única maneira de garantir o dereito fundamental á saúde”, e que seguirán facendo unha oposición sen tregua “contra a folla de ruta do PP, que pasa por desmantelar e deteriorar o sistema público de saúde con recortes e privatizacións para que empresas privadas fagan negocio coa saúde das persoas”.
O proxecto de reforma da Lei de Saúde de Galiza que ven de aprobar o Goberno de Feijóo “é un paso máis nesa dirección daniña”, que pretende converter a sanidade pública en subsidiaria da privada.
“A contrarreforma sanitaria do PP é un paso atrás para o dereito á saúde en xeral e para a área do Salnés, pese a que está blindada por lei porque se puxo en marcha a través dunha ILP-, indicou Pontón-, pero o PP está a derrubar o que se construíu entre todos e todas. Non van atreverse a tirar a baixo o hospital, pero si o van deteriorando pouco a pouco ata convertelo nun gran ambulatorio lonxe das prestacións que ofrece un hospital”, advertiu Pontón.
A dirixente do Bloque salientou que desde que Feijóo chegou á Presidencia, a sanidade pública perdeu 700 camas e 2.000 millóns de euros de recursos na atención primaria, un 15%, “recortes que acaban pagando os e as usuarias con peor atención”.
“Queremos dicirlle a Feijóo que o BNG vai estar enfronte, que a defensa da sanidade pública é unha cuestión prioritaria para parar esta contrarreforma sanitaria que afonda na privatización e deteriora unha área como a do Salnés que xa ten carencias e dificultades, porque estamos ante un hospital que non ten UCI, nunha zona que non ten ambulancia medicalizada e vemos como na atención primaria é misión imposible conseguir cita no médico dun día para outro, hai lista de espera”.
Pontón e Prado tamén deixaron claro que o Bloque “vai facer fronte común coas plataformas, organizacións sociais e políticas e coa veciñanza en defensa da sanidade pública”. Neste sentido, avanzaron que a formación nacionalista presentará unha emenda de devolución ao proxecto do Executivo para que o Parlamento “free un novo atentado ao dereito á saúde”.
Os votos en contra do PP
“Estamos a ver a un PP que votou non ao incremento do cadro de persoal do Hospital do Salnés, votou non a ampliar celadores, votou non a darlle solución á situación do aparcadoiro no hospital, votou non a un centro de saúde en Vilagarcía, no Grove, na Illa, e votou non á substitución de persoal sanitario fundamental”, denunciou Prado, “porque estamos ante un Goberno que ten como claro obxectivo deteriorar a sanidade pública para xustificar cada vez máis recursos á sanidade privada”, concluíu.