O Parlamento apoia a proposta do BNG para mellorar as condicións laborais do persoal de mantemento da vía do Salnés

2018.03.16-MONTSE PRADO  PARLAMENTO

“É un abuso ter a só catro traballadores 24 horas ao día, 365 días ao ano”, alega Montse Prado, quen responsabiliza a Xunta como titular da vía

O Parlamento apoia a proposta do BNG para mellorar as condicións laborais do persoal de mantemento da vía do Salnés

O Parlamento aprobou por unanimidade a proposta do BNG para mellorar as condicións laborais e garantir a seguridade do persoal  encargado do mantemento da vía rápida do Salnés, en mans de só catro traballadores que deben afrontar esta responsabilidade 24 horas ao día 365 días ao ano.

A iniciativa, defendida pola deputada por Pontevedra, Montse Prado, solicita ao Goberno da Xunta “que esixa á empresa concesionaria do mantemento da vía rápida do Salnés o cumprimento da condicións de seguridade laboral dos traballadores responsables do mantemento da vía”.

Prado foi contundente na denuncia pola situación de precariedade dos traballadores que se encargan do mantemento a autovía, “que recae en catro persoas 24 horas ao día 365 días ao ano, un feito que para o BNG fai saltar todas as alarmas”. Estas catro persoas son as encargadas da limpeza da vía, do coidado da valla perimetral, dos pasos superiores e inferiores, da sinalización en caso dun sinistro ou accidente, da retirada de vehículos, da limpeza do firme en caso de verquidos e mesmo da retirada de elementos que invadan a vía, como pasa en temporais como os destes días.

A deputada nacionalista subliña as xornadas de traballo que non se interrompen, aínda que o operario tivese que atender algunha emerxencia nun turno diferente ao que lle corresponde. Tamén denunciou que “un só operario ten que proceder ao corte e sinalización da vía, co que iso supón de risco para a seguridade”, ao que se suma o feito de que a precariedade tamén se estende ao material con vehículos e técnicas obsoletas, como por exemplo cando se trata de botar sal na calzada contra o xeo.

“Son varios os sinistros laborais, algúns deles fatais, e a Xunta como titular da vía é a responsable da seguridade dos traballadores do mantemento desta infraestrutura, por iso ten que esixir á empresa concesionaria do servizo que faga cumprir a normativa en materia de seguridade laboral”, recalcou. Unha seguridade que “é incompatible cunhas condicións laborais como as que soportan actualmente, “é un abuso contra o que hai que tomar medidas para garantir”, concluíu Prado, tras recalcar que o BNG estará vixiante para que se cumpra o aprobado na Cámara.

O Parlamento apoia a proposta do BNG para mellorar as condicións laborais do persoal de mantemento da vía do Salnés