Prado reclama máis persoal para o Hospital do Salnés e a apertura permanente da terceira planta
“O SERGAS compórtase como a peor das ETTs”, denuncia
A portavoz de Sanidade, Montse Prado, critica o veto do PP á proposta do BNG para cubrir o déficit de persoal no Hospital do Salnés así como a petición de apertura permanente e os 365 días do ano da terceira planta deste centro, que soporta a ratio de persoal máis baixa de todos os hospitais dependentes do SERGAS.
Neste contexto, o Bloque presentou unha proposición non de lei na que se propoñía á Xunta “dimensionar” o cadro de persoal ata acadar que, cando menos, o Salnés teña un centro de referencia cunha relación numérica profesional-doente equiparable á media do sistema público de saúde de Galiza. “É imprescindible para poder ofrecer unha atención sanitaria cos estándares de calidade esixíbeis a un servizo público esencial”.
Neste sentido, Prado reclamou á contratación do persoal e que se poña fin aos contratos lizo, tanto en servizos como en especialidades. Outras das demandas rexeitada polo PP era a apertura da terceira planta do hospital durante todo o ano, “coa dotación de xeito estábel e permanente de persoal para o seu funcionamento”.
A portavoz de Sanidade fixo referencia ás carencias do Hospital do Salnés desde o seu inicio, que motivou unha mobilización constante por parte da cidadanía e dos profesionais da sanidade, cunha ampliación tardía e coa apertura de servizos infradotados.
“Agora é o persoal de enfermería quen denuncia unha situación de sobrecarga asistencial brutal na primeira e segunda planta de hospitalización, mentres a terceira planta permaneceu pechada até o 13 de novembro”, denunciou Prado, “peche que obrigou a distribuír as persoas doentes mesturando patoloxías ou a mantelas en urxencias sen ingresar”.