Prado preguta ao Goberno galego sobre a proposta de construción dunha ponte de Carril a Cortegada

Prado preguta ao Goberno galego sobre a proposta de construción dunha ponte de Carril a Cortegada

Diante das declaracións que a mediados do mes de outubro o alcalde de Vilagarcía de Arousa sorprendía a todo o mundo ao anunciar a proposta de construción dunha pasarela entre Carril e a Illa de Cortegada, no obxectivo, segundo el, de mellorar os accesos e que a Illa reciba máis visitas, anuncio que xa realizara no encontro de municipios con parques nacionais celebrado en Lleida, o BNG presenta no Parlamento Galego unha serie de preguntas a respecto desta cuestión.

O rescate da Illa de Cortegada e a súa declaración como Parque Natural Público así como a súa posterior inclusión no Parque Nacional das Illas Atlánticas foi conquerido grazas ao esforzo e loita levada a cabo conxuntamente polo pobo de Carril e a Comisión Cidadán proCortegada, e polo apoio de numerosos cidadáns, colectivos e organizacións políticas coma o BNG que mantivo o seu compromiso nesta loita dende sempre. Dito compromiso tivo como principais obxectivos o rescate público da Illa, a preservación da súa riqueza natural e o traslado da mesma para o desfrute das seguintes xeracións.

Desde o BNG consideramos que a pretensión lanzada polo goberno do concello de Vilagarcía de Arousa sobre a proposta de construción dunha pasarela, vai por en perigo a conservación dun dos principais atractivos de Vilagarcía de Arousa; tanto a conservación e mantemento do parque natural, coma os parques de cultivo, ou a fisionomía da fachada marítima do propio pobo de Carril.

Para o Bloque Nacionalista Galego, a perda da insularidade da Illa vai por en risco os seus valores naturais e a súa contorna medioambiental, ademais do seu carácter insular, motivo principal para a súa inclusión no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Desde o BNG entendemos que a construción dunha pasarela constituiría a porta para que Cortegada se sometese a unha presión para a que non está preparada e que non soportaría. Este feito obrigaría tamén a realizar un amplo control do acceso, para o que a día de hoxe nin por parte do Concello nin da Dirección do Parque estarían en disposición de realizar. Así que, coa construción da devandita pasarela, estaríamos pondo en risco todos os seus valores, como por exemplo unha enorme variedade de fungos (máis de 500 especies, e mesmo algunha especie nova descuberta na propia illa) ou o sotobosque de loureiros, entre outras especies endémicas.2014.11.03- xuntanza Procortegada

Por outra banda habería que ter en conta a incidencia negativa que podería ter unha pasarela sobre os parques de cultivo, das que viven moitas familias, e tamén sobre a fachada marítima, así como a súa incidencia e encaixe na mesma.

Para o BNG, dado que a día a día de hoxe están postas en marcha distintas iniciativas que inclúen visitas guiadas á Illa que utilizan como medio de transporte o marítimo ou a pé cando está a marea baixa a través do camiño do carro a construcción dunha pasarela ou ponte contribuirían á perda de insularidade de Cortegada ademais de poñer en perigo a súa riqueza natural.

Por todo isto é polo que o BNG, a través da súa deputada Montse Prado, pregunta ao Goberno galego se ten coñecemento da proposta do alcade de Vilagarcía de Arousa e de ser así, se hai algunha previsión por parte da Xunta de Galiza de modificación do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Illa de Cortegada e o seu contorno para posibilitar a construción dunha pasarela entre Carril e a Illa de Cortegada.

 

 

Prado preguta ao Goberno galego sobre a proposta de construción dunha ponte de Carril a Cortegada