Montse Prado recrimina a Rey Varela a política social da Xunta coas persoas maiores e a mocidade
Galiza alcanza o 25 % de poboación envellecida, hai falta de residencias, centros de día, temos as pensións máis baixas do Estado e case 18.000 persoas, “co dereito recoñecido de dependencia non as cobra”, indicou a nacionalista
Trala comparecencia do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela para informar da convocatoria do programa Interreg España-Portugal en materia de política social, a deputada do BNG, Montse Prado recriminoulle que non comparecera con anterioridade para informar da redución das partidas para a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), a falta de servizos para maiores e políticas dirixidas á mocidade.
A parlamentaria acusou a consellería de Rey Varela de “falta de planificación” por non ter previsto que unha partida de 60M€ quedaría corta a uns días de aprobado o orzamento. Esta circunstancia, dixo, demostra a “dramática situación” na que se atopan miles de galegos e galegas que non poden subsistir e vostede non ven á Cámara galega a explicar o que está acontecendo coa RISGA ou coas lista de espera de dependencia, ven a contarnos os proxectos con fondos europeos dos que con toda probabilidade se beneficiarán “empresas privadas”.
A Unión europea, o goberno español e o goberno galego, engadiu a nacionalista, son os responsables das directrices para obrigar a que os números cadren e fixeron do déficit o sancta sanctorum cun catalogo de recortes en salarios, pensións, cultura, dependencia e grandes rebaixas en gasto público e investimentos.
Na actualidade estamos ante políticas neoliberais que trasladan as políticas públicas cara á iniciativa privada e o Partido popular desde que volveu ao goberno “paralizou infraestruturas, paralizou a rede de residencias e escolas infantís e contraeu os orzamentos”. Tras introducir copagos aos nosos maiores, recalcou Prado, hoxe ven vostede a presentarnos catro proxectos con fondos europeos que non deixan de ser “faragullas” da UE.
Galiza, explicou, alcanza o 25 % de poboación envellecida, hai falta de residencias, centros de día, temos as pensións máis baixas do Estado e case 18.000 persoas, “co dereito recoñecido de dependencia, non a cobra”. Dende o ano 2012 ao 2016 os orzamentos do Estado rebaixaron en Galiza 151 M€ en políticas de dependencia e seguimos tendo o gasto menor por habitante en comparación con outras comunidades. Ante esta realidade, vostede nos ofrece “un plan nutricional” co que estamos da cordo, afirmou a deputada do BNG pero é como “falar de caramelos cando non hai para comer”, apostilou.
Prado tildou de “nova propaganda” a comparecencia do titular de Política Social e preguntou que vai quedar de positivo destes programas con fondos europeos que serán xestionados por empresas privadas.
O conselleiro Rey Varela tamén anunciou que dentro do programa Interreg figuran medidas para oportunidades de emprego entre a xente nova ao que a deputada do BNG respondeu que o Partido popular segue co mantra do “emprendemento” pero sen políticas laborais destinadas a xerar emprego. “Continúan enganado a esas persoas que se arriscan a seren emprendedores e emprendedoras” e oxalá algunha vez coñezamos os datos reais despois de aventurarse ao emprendemento e motivadas pola súa propaganda e finalmente son persoas que “quedan tiradas e con débedas”.