FEIJÓO E O PP DAN UN NOVO PASO ADIENTE PARA DESMANTELAR A SANIDADE PÚBLICA
Pontón acusa a Núñez Feijóo de converter o dereito á saúde nun negocio e pide a retirada do anteproxecto de lei de Saúde
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou hoxe na concentración contra a supresión da área sanitaria do hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa acompañada da portavoz de sanidade, Montse Prado e cargos institucionais do BNG. A portavoz nacionalista afirmou que o presidente da Xunta e o Partido popular están a dar “ un paso adiante” para desmantelar a sanidade pública galega polo que pediu a retirada do anteproxecto de lei de Saúde que contempla máis recortes e a supresión das áreas sanitarias.
Para a nacionalista, a nova lei do PP representa “un paso atrás” e un ataque a un dereito fundamental, “o dereito á saúde”. Esta lei, engadiu, demostra que os recortes en sanidade “son ideolóxicos” e xusto cando están intentando convencernos de que saimos da crise económica, comprobamos como durante o verán “cociñaron novos recortes” que afectarán gravemente á poboación.
A sanidade necesita máis recursos e medios e ao longo dos gobernos de Feijóo recortáronse máis de 2.000 profesionais e pecharon 600 camas nos hospitais, “lonxe de traballar por mellorar a sanidade en Galiza, o PP traballa na dirección contraria”, recalcou.
Por outro lado a nacionalista tamén asegurou que na actualidade as listas de espera son máis elevadas que no momento da chegada de Feijóo á presidencia da Xunta. Os cidadáns temos unha sanidade “máis lenta” e a nova reforma provocará que a prestación sanitaria non sexa en función das necesidades dos usuarios e usuarias, o Partido popular tenta exercela en función dos recursos que o goberno destinará para o seu exercicio.
Finalmente, Pontón anunciou que o BNG apoiará todas as mobilizacións contra a nova lei de sanidade e traballará cos movementos asociativos co fin de “pararlle os pés” ao Partido popular polo que fixo un chamamento á sociedade a responder contra o desmantelamento do que reiterou é “un dereito fundamental, o dereito á saúde”.