O BNG do Salnés chama a participar na manifestación en Defensa da Sanidade Pública.
A manifestación comarcal convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés, da que fai parte o BNG, terá lugar este venres en Vilagarcía de Arousa.
Os recortes e o desmantelamento da sanidade pública galega son unha constante desde o retorno do PP ao goberno da Xunta, poñendo os recursos sanitarios ao servizo de intereses privados.
A aprobación do Anteproxecto de modificación da Lei de Saúde de 2008 supón:
- Reafirmar os recortes de servizos e persoal sanitario.
- Priorizar o criterio económico fronte ás necesidades sanitarias da poboación.
- Facer desaparecer as actuais Áreas Sanitarias, afastando a toma de decisións e a resolución de problemas. Deste modo, acabaría convertendo ao Hospital do Salnés nun gran ambulatorio, sen especialidades e cun reducido número de profesionais.
Desde o BNG consideramos que temos que responder masivamente ás novas medidas de recortes sanitarios propostas polo goberno do PP, e demandar un modelo sanitario de calidade e próximo aos veciños e veciñas da comarca.
Por todo isto, o BNG do Salnés fai un chamamento a participar na manifestación comarcal o vindeiro venres 29 de setembro, ás 20:30 h., desde a Casa do Mar de Vilagarcía.
Na manifestación participará a deputada Montse Prado, así como outros cargos orgánicos e institucionais da comarca.