PORQUÉ O SR. FOLE ESCONDE O PLAN URBANÍSTICO?
A reticencia do alcalde á hora de entregarlle a documentación solicitada ao BNG viría dada, entre outras cousas, para non destapar unha tramitación dos terreos da actual MEGASA a unha gran superficie comercial que viría a supoñer a morte definitiva do comercio local do noso concello.
A negativa de Tomás Fole á hora de entregarnos a documentación do PXOM tal e como llelo solicitamos dende o Bloque Nacionalista Galego para o seu estudo, danos que desconfiar que viría dada, entre outras cousas, para non destapar unha tramitación dos terreos da actual MEGASA a unha gran superficie comercial que suporía a morte definitiva do comercio local do noso concello.
Sospeitamos que o Sr. alcalde estaría tramitando unha recalificación para unha posterior concesión dos actuais terreos de MEGASA, na Avda. das Carolinas, para a construción dunha gran área comercial, o cal viría a supoñer a coitelada final a un xa de por si desangrado comercio local de Vilagarcía.
No modelo de cidade que dende sempre defendemos dende o Bloque Nacionalista Galego non teñen cabida as grandes superficies senón que, pola contra, apostamos por apoiar e promocionar o pequeno comercio coma motor económico importante de calquera vila ou cidade. Apostamos por un modelo de cidade que defenda os seus sectores produtivos, o seu comercio de proximidade, unha cidade humanizada, sostíbel e accesíbel.
Para o BNG a entrada de grandes multinacionais é precisamente non apostar pola economía local.
Intuímos que o Sr. Fole, tal e coma nos ten acostumados, está escondendo algo cando non nos quere entregar a documentación solicitada, polo que esiximos e retamos ao Sr. Alcalde a que por unha vez diga a verdade sobre que é o que está pasando cos terreos de MEGASA.
Animamos tamén ao comercio local a que pida ao alcalde do Partido Popular as aclaracións oportunas sobre o tema. Explicacións que por dereito merecen.