O ensino público segue a padecer do PP

O ensino público segue a padecer do PP

Sen dúbida o ensino público non está a ser valorado, aínda, coa importancia que realmente ten, pois desde hai moitos anos leva conseguindo que sexamos unha sociedade máis igualitaria onde, por exemplo, moit@s d@s actuais médic@s, enxeñeir@s ou inspectores/as de facenda son fill@s de xente humilde pero que grazas a un bo ensino público, a un ensino non elitista e de calidade, conseguiuse que a valía das persoas non se medira pola súa capacidade económica, senón polo esforzo e as capacidades intelectuais, o que redunda no beneficio da maioría.

Co PP no poder isto rematou, pois está a facer todo o posible por degradar o ensino público ao estado no que estaba nos tempos do ditador; nuns tempos onde só podían estudar o fill@ do médic@ ou do notari@.

Feijoo estreouse como presidente da Xunta eliminando o sistema de gratuidade dos libros de texto, eliminando profesorado, aumentando o seu horario, aumentando o número de alumnos por aula e, agora, axudando a implantar unha lei retrógrada como a LOMCE que nos levará ao modelo de ensino dos nosos pais e nais ou, quizais, avós. Estréase a LOMCE no meu centro sen investir un só euro, se non máis ben o contrario. Implántase a nova FP Básica sen dotar ao centro de profesorado nin de aulas para tal finalidade; todo un alarde de falta da máis mínima sensibilidade co ensino público. E tamén comeza o novo curso escolar con tres profesores e medio menos (compartíamos un profesor con outro centro; xa non) co pasado curso escolar, pois das últimas seis xubilacións a Xunta só cubriu tres. Trátase do recorte máis drástico de profesorado nos anos de Feijoo na Xunta (e iso que segundo o PP xa remataron os recortes e xa se ven ”brotes verdes”; semella que non para o ensino público). E se isto non fose suficiente, en secundaria fannos volver aos tempos no que un profesor serve para impartir calquera materia (a de música da lingua, o de debuxo matemáticas, o de matemáticas educación física …); o mesmo modelo que vivín como alumno do BUP nos anos setenta. E se isto non fora suficiente xa nos anuncian que para o próximo curso, as cousas serán peores e seguirá o recorte en profesorado.

E mentres o PP trata deste xeito ao ensino público, está a subvencionar aos colexios do OPUS que segregan por sexo a rapaces e rapazas. Que intereses defende o PP? A quen representa realmente o PP? Está claro que cada vez representa a menos xente, por iso está disposto a cambiar unilateralmente as regras básicas da democracia para seguir manténdose no poder e seguir defendendo os intereses das minorías privilexiadas.

Víctor Caamaño Rivas, Portavoz Municipal do BNG Cambados

 

O ensino público segue a padecer do PP