O BNG SOLICITA NO CONSELLO DE XERENCIA DE URBANISMO A PARALIZACIÓN DAS OBRAS DE DEMOLICIÓN DE MEGASA
O BNG a través do seu representante no Consello de Xerencia de Urbanismo, solicitou a paralización das obras de demolición das naves de Megasa e a non concesión de autorización para ningunha obra nesta parcela ate que non se teña resolto o recurso interposto por Zona Aberta en contra da aprobación do Estudio de Detalle.
Diante das obras de demolición iniciadas sin autorización na parcela de MEGASA, o BNG ademais de solicitar a súa inmediata paralización, reitera a súa solicitude da non autorización por parte deste Concello de Vilagarcía de Arousa a ningunha obra nesta parcela, ate que non se teña resolto o recurso interposto polos representantes do comercio de Vilagarcía ( Zona Aberta )
O BNG xa ten manifestado, dende sempre, tanto o seu apoio como o seu compromiso co comercio local, xa que é consciente da enorme importancia que posúe o pequeno comercio, e de que a facturación deste reinviste, na súa maior parte, na economía local, ao tempo que desenvolve un importante papel social de cohesión, dinamización e vertebración nas vilas e cidades galegas, facéndoas máis habitábeis, atractivas e seguras. Por tanto, no BNG defendemos un modelo en que prime o pequeno comercio fronte ás grandes superficies comerciais.
Está máis que demostrado que a existencia de grandes áreas comerciais ten repercusións negativas no pequeno e mediano comercio, ao provocar a destrución de postos de traballo e non só iso, senón que, asemade, este formato comercial promove a liberalización dos horarios, de forma que impide que o comercio de proximidade poida competir en igualdade de condicións. Fronte a isto o BNG aposta por unha política que afortale, impulse e modernice o comercio tradicional ou de proximidade de Vilagarcía de Arousa, polo seu peso económico e a función social que implica.
Polo tanto o BNG mantén a súa posición de compromiso de apoio o comercio de Vilagarcía e contraria a instalación de unha gran área comercial na nosa cidade que faga desaparecer ao noso pequeno comercio e os efectos que este feito conlevaría sobre a desertización da nosa cidade e sobre a nosa economía. Neste senso o BNG volve a reiterarlle ao goberno de Fole a súa petición para que mire polo noso comercio e non permita a instalación de ningunha gran área comercial no noso concello.