O BNG PIDE ELIMINAR DA ORDE DE PECHE DA SARDIÑA QUE O CERCO SEXAN OS ÚNICOS AUTORIZADOS EN PESCALA
O portavoz de pesca, Daniel Rodas, reclama no Parlamento galego que se modifique a actual orde do Magrama que regula o Plan de xestión da sardiña que imposibilitará que o xeito e outras artes a poidan pescar os próximos tres anos.
O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas, ven afirmar no Parlamento galego que o problema que está a padecer o xeito non é o TAC, xa que o Estado español e portugués obtiveron a aprobación do Ciem para establecer unha regra de explotación de carácter preventivo, para xestionar o recurso da sardiña. Esta regra é o actual Plan de xestión que entrou en vigor coa publicación da Orde 15 de xullo.
Este Plan de xestión aplícase ás capturas de sardiña levadas a cabo polas flotas española e portuguesa nas zonas Ciem VIIIc e Ixa, quedando fora a VIIIb. A flota afectada por esta Orde serán os buques pertencentes a flota do cerco, sendo estes os únicos autorizados a capturar esta especie.
O Plan ten unha duración de 3 anos polo que debemos concluír: que ningunha outra arte está autorizada a poder pescar sardiña durante 3 anos. Exclúese o xeito, o racú e as capturas accidentais doutras artes.
A normativa estatal exclúe artes tradicionais como o xeito, deixando no paro a unhas 427 embarcacións con permex para esta arte. Arte que ademais é utilizada habitualmente como alternancia cando non hai que pescar ou cando se da unha situación catastrófica como nestes anos no marisqueo, pola falta de capturas e pola alta mortaldade de especies como o berberecho que a Consellaría ten detectado pero non fai nada para enfrontalo.
O drama é que segundo a literatura española tendo consultado ao sector e ás comunidades autónomas, a señora conselleira e o señor Secretario General de Pesca, ambos Directores Xerais na época de López Veiga, descoñecen que en Galiza existen artes tradicionais, como o xeito, que pescan sardiña e que aínda que a súa incidencia no total de capturas é insignificante son de vital importancia para comunidades costeiras.
Daniel Rodas, considera que esta é a desgracia. Que a incompetencia do Goberno galego e do seu aliado madrileño están conseguindo que o xeito galego quede sen posibilidades de poder pescar sardiña durante os próximos 3 anos.
O BNG entende que para solucionar o problema a señora conselleira debe esixir que se modifique a actual Orde; isto é eliminar o parágrafo sendo estes os únicos autorizados a capturar esta especie.
Para o BNG a responsabilidade desta tropelía ao xeito galego non é de algún iluminado en Bruxelas, é do Partido Popular de Galiza que ten ao galego Andrés Hermida como responsábel da Secretaría General do Mar en Madrid e a Rosa Quintana de conselleira.