O BNG PIDE UN COMPROMISO DA XUNTA COA FLOTA DA VOLANTA
Daniel Rodas afirmou que de non adoptar medidas urxentes, a flota verase abocada ao despezamento e lamentou que o PP votara en contra da iniciativa nacionalista
O deputado do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe na Comisión de Pesca unha proposición non de lei destinada a buscar solucións para defender o dereito da flota da volante con cotas que lle permita a viabilidade das embarcación e con normativas realistas proporcionadas.
Na súa intervención, Rodas lamentou a fata de vontade política do PP para defender a flota da volanta e lembrou que no mes de setembro un amplo grupo de armadores acampaban nas inmediacións de San Caetano reclamando maiores cotas e un modelo acorde coa súa realidade.
Sobre o colectivo da volanta explicou que conta cun modelo de reparto lineal dun 50%, 25% en función das capturas históricas e o outro 25% relacionado cos tripulantes de 52 barcos dos que 32, son galegos. O reparto fai que lle corresponda unha media de 33,5 toneladas ao ano de pescada dunha especie estratéxica para esta flota. Con estas cantidades, engadiu, a a pescada acada unha media de tres euros e co computo total do ano resulta imposible realizar unha xestión deste modelo para que sexa rendíbel. Este é o problema real da flota que cada vez constata como a súa actividade está abocada ao despezamento.
A pescada, reiterou é unha especie estratéxica que a U.E tentou regular no ano 2005 con medidas de recuperación da pescada sur e daquela a intención era reconstituír as poboacións desta especie en dez anos. No 2014 estableceuse un TAC de 10.409 toneladas, no 2015 unha cota de 8.448 Toneladas correspondéndolle á volanta o 18,57% do total, 1.643 toneladas. Naquel momento a ministra e a conselleira consideraban este reparto altamente satisfactorio e este ano temos un reparto de 6.946 toneladas baixando a respecto do ano 2015 nun 22% e a conselleira Quintana volve a valorar o esforzo negociador da ministra e o seu gabinete.
O lirio e rapante tamén afectados polas cotas
Para o deputado, a situación estendese tamén ao reparto do lirio ou do rapante que rexistraron unha grande rebaixa nas cotas pero o PP , afirmou, segue presumindo de ter negociado favorablemente as cotas para a flota galega.
O parlamentario concluíu a súa intervención asegurando que os plans do 2005 non resolveron os problemas da volanta. A acampada tiña por finalidade, explicou Rodas, reclamar da conselleira a constitución dunha mesa para acadar maior cota de pescada á volanta pero despois de catro meses a situación tornase máis dramática que a do ano pasado ao caer a cota ao 22% e ademais, enriba da mesa non existe ningunha medida do Goberno para enfrontarse a situación no vindeiro ano.
Rodas lamentou que o PP votara en contra da iniciativa nacionalista.