O BNG insta a dotar de profesorado os PROA nalgúns centros de ensino do Salnés.
A deputada do BNG, Montse Prado presenta diversas preguntas relativas á necesidade de dotar de profesorado os PROA nalgúns centros educativos da nosa comarca.
A nacionalista pregunta no Parlamento Galego pola decisión da Xunta de Galiza de denegar os PROA aos centros educativos de Rubiáns en Vilagarcía de Arousa, de Dena en Meaño e de Vilariño en Cambados e cales foron os criterios para a concesión e denegación dos programas nos centros públicos do Salnés.
En días pasados diversas ANPAs de centros de ensino público da comarca do Salnés, Rubiáns en Vilagarcía de Arousa, Dena en Meaño, Vilariño en Cambados... fixeron pública a súa preocupación e malestar polas decisión adoptadas pola Consellería de Educación ao respecto dos PROA, preocupación e malestar porque en base aos criterios desa Consellería eses centros non serán dotados de profesorado a maiores do que ten cada centro para poder atender ás necesidades específicas de apoio e reforzo do alumnado que o precise, chegando ao sen sentido de conceder partida para transporte e non para profesorado, @s alumn@s poderán acudir aos centros, mais non haberá profesorado para atendelos.
Para a deputada empeza a ser unha constante que o Goberno galego, baixo toneladas de propaganda agache recortes e falla de atención a necesidades da cidadanía, algo que sendo preocupante en todos os ámbitos é moito máis no caso dos servizos públicos como sanidade e ensino.
Prado critica que no seu momento a Consellería de Educación vendeu os PROA (Programas de reforzo, orientación e apoio) como unha actuación marabillosa que permitiría mellorar o rendemento do alumnado con maiores necesidades de atención, pero a realidade é que hai moita propaganda sinala a nacionalista.
Tendo en conta que a petición dos PROA por parte dos centros é co obxectivo de reforzo educativo, orientación escolar, atención á diversidade e prevención de aquel alumnado que o precise, é indiscutíbel que a dotación de profesorado é fundamental para a efectividade dos programas.
Para o BNG, unha vez máis, estamos diante dun novo recorte por parte da Xunta do Partido Popular no ensino público polo que insta ao Goberno galego a que se atendan todas as peticións feitas polos centros de ensino público nos PROA, e que sexan dotados do profesorado preciso para que eses programas poidan desenvolverse con normalidade e dar resposta ás necesidades de apoio do alumnado que o precise.