O BNG de Cambados esixe un aumento na partida de axudas para libros de texto e material escolar

O BNG de Cambados esixe un aumento na partida de axudas para libros de texto e material escolar

Diante da aprobación na Comisión Informativa de Educación das axudas municipais para a adquisición de libros de texto e material escolar, o BNG ven de solicitar ao concello de Cambados que aumente as partidas orzamentarias destinadas a este fin tendo en conta o número de solicitudes presentadas para optar a este tipo de axudas.

Para o BNG, o informe presentado na Comisión de Educación pola técnica municipal, ven de constatar a difícil situación económica polas que están a pasar moitas familias cambadesas. Ademais, no mesmo informe, tamén se puntualizaba que os 7.000 € asignados a esta partida, nos pasados Orzamentos, permitiron que finalmente só 106 solicitudes, das 462 totais, puideran ser atendidas. Estes datos reflicten a necesidade urxente de aumentar a partida consignada para cubrir este tipo de axudas, pois unha vez analizados o número de solicitudes presentadas e atendidas, ponse de manifesto a escaseza que supoñen os 7.000€, da partida, para atender ás necesidades reais das familias de Cambados.

O Grupo Municipal do BNG manifesta ademais que as Bases Reguladoras para a concesión deste tipo de axudas publicadas, por primeira vez no B.O.P. nº 114, mostraron diferentes lagoas e contradicións que deben ser subsanadas de cara á convocatoria do próximo curso escolar.

É por todo isto, que o BNG esixe ao concello de Cambados que para o vindeiro curso escolar e no próximo Orzamento Municipal se incremente, considerabelmente, a partida destinada a adxudicación de axudas municipais para a adquisición de libros de texto e material escolar para alumnado de centros docentes públicos de Educación Primaria e Secundaria e sexan melloradas as Bases Reguladoras de xeito que se axusten mellor ás necesidade reais das posibles familias solicitantes.

 

 

 

O BNG de Cambados esixe un aumento na partida de axudas para libros de texto e material escolar