O PP négase a revisar as taxas da piscina municipal e a apoiar o comercio local

O PP négase a revisar as taxas da piscina municipal e a apoiar o comercio local

RIBADUMIA- Coas actuais taxas, o PP traslada que as persoas de fora do Concello non son benvidas.

O PP, no pleno deste xoves, negouse en redondo a considerar a proposta do BNG de modificar as taxas para a piscina, para que sexan asequíbeis para a xente de fora do Concello, que actualmente teñen que pagar 50 euros, aínda que a usen un par de veces en todo o verán. Entre o euro que se lles cobra aos de Ribadumia e os 50 que se lles quere aos de fóra debe haber unha escala intermedia.

O BNG demandou que esa modificación tamén servise para impulsar o comercio local, mediante un sistema de descontos nas taxas para quen consuma no Concello, unha proposta que tivo moi boa acollida entre os membros da Asociación de Comerciantes de Ribadumia. Porén, o PP, que non impulsou ningunha iniciativa de dinamización do comercio local, négase outra vez a apoiar aos nosos comerciantes.

Coas actuais taxas, o PP traslada que non son benvidas as persoas de fora do Concello. Son moitas as persoas que se achegan a Ribadumia no verán e, para o BNG, o Concello debe dar unha imaxe distinta á actual, de maneira que instalacións como a piscina sexan un reclamo para atraer xente.

Esta resposta súmase ao que está a ser unha constante por parte do goberno do PP, unha total falta de iniciativa política que amosa que non teñen proxecto para Ribadumia, máis ao mesmo tempo, unha total incapacidade para aceptar propostas doutros. Simplemente aplican unha política do “non polo non”.

Neste último pleno, o PP non incluíu na orde do día ningunha das mocións do BNG, o que nos leva a demandar que se elabore un regulamento para o pleno, onde queden recollidos dereitos básicos como que se debatan as mocións que presenta a oposición ou que no debate das mesmas, teñan turno de réplica.

O PP négase a revisar as taxas da piscina municipal e a apoiar o comercio local