As ocorrencias do PP cústanlle máis de 1.000 euros a cada veciño de Ribadumia

As ocorrencias do PP cústanlle máis de 1.000 euros a cada veciño de Ribadumia

O BNG insta á alcaldesa a que explique en que beneficiará aos veciños do Concello o arranxo da Igrexa, a construción do cuarto campo de fútbol e da Pousada.

O BNG volve a chamar a atención sobre o auténtico malbaratamento de recursos públicos que se está a dar no concello de Ribadumia. O concello, gobernado polo PP e feudo do Presidente Provincial do PP e da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, está a vivir unha situación esperpéntica, na que os gastos son unha nova versión do “pan e circo romanos”, neste caso, “igrexa e fútbol”, xa que entre Concello e Deputación están sufragando o arranxo dunha Igrexa, por valor de 200.000 euros, e por se fora pouco, están a impulsar a construción dun novo campo de fútbol, cun custo de 1.400.000 euros, cando xa existen tres campos no Concello.

Allegue cita máis actuacións de carácter faraónico que en nada repercutirán en beneficio dos veciños, como é o caso da pousada de Ribadumia, impulsada pola Deputación Provincial, cun custo superior aos tres millóns de euros, aos que hai que engadir 1,8 millóns da adecuación dos espazos anexos.

A suma os importes destas actuacións ascende a 5.400.000 euros, que entre os 5.000 habitantes do concello supón que cada veciño de Ribadumia ten que pagar 1.080 euros por unhas actuacións que non contan con ningún interese social e non servirán para paliar as consecuencias da crise.

Así, o BNG insta á alcaldesa a que explique en que beneficiará aos veciños do Concello o arranxo da Igrexa, a construción do cuarto campo de futbol e da Pousada. Neste sentido a alcaldesa debe explicar se estas actuacións axudan a mellorar as condicións de vida dos veciños de Ribadumia, se supoñen novos servizos ou se trata de actividades que terán un impacto positivo na economía de Ribadumia. O BNG ten a resposta clara. Para o BNG, Ribadumia é o exemplo perfecto de en que consisten esas medidas que o PP da en chamar “austeridade” e que supoñen unha tomadura de pelo ante as graves dificultades que se están a pasar.

As ocorrencias do PP cústanlle máis de 1.000 euros a cada veciño de Ribadumia