O BNG VAI PROPÓR AOS GRUPOS DA OPOSICIÓN O SEU APOIO Á SOLICITUDE DUN PLENO EXTRAORDINARIO.

O BNG VAI PROPÓR AOS GRUPOS DA OPOSICIÓN O SEU APOIO Á SOLICITUDE DUN PLENO EXTRAORDINARIO.

Para facerlle fronte a ditadura instalada no concello de Vilagarcía a través do goberno de Fole, o BNG diríxese aos grupos do PSdeG e EU para recadar o seu apoio e solicitar un pleno extraordinario no que darlle voz aos colectivos e a cidadanía .

Diante da deriva antidemocrática e ditatorial na que se ten instalado o goberno local, e na que sistematicamente rexeita os debates e participación cidadá, dende o BNG consideramos necesario facerlle fronte, e é por este motivo polo imos a solicitar aos demais grupos da corporación PSdeG e EU o seu apoio para a solicitude dun pleno extraordinario no que poder tratar os problemas que afectan aos vilagarciáns e poder darlle voz aos colectivos como os de emigrantes retornados ou aos traballadores de Lantero.

A anulación do pleno ordinario e a imposición dun pleno extraordinario sen voz nin voto para a veciñanza e sen levar a debate temas de actualidade local, constitúe para o BNG a aplicación a nivel local da Lei Mordaza, recentemente aprobada polo PP, e a imposición unha vez máis das súas políticas económicas antisociais.

Entendemos que Vilagarcía de Arousa non se pode permitir por máis tempo este goberno do PP que actúa de costas a cidadanía sen importarlle os seus problemas nin dando solucións aos mesmos. Un goberno que sistematicamente impide tratar os problemas que afectan aos veciños e veciñas deste concello.

Dende o BNG consideramos que é preciso tomar medidas para impedir que se impoña a ditadura, levando e tratando os problemas que nos afectan e dándolle voz á veciñanza vilagarciá. É este o motivo polo que decidimos dirixirnos aos grupos da oposición para tentar parar este atropelo e recadar o número necesario de sinaturas (6) para poder solicitar un pleno extraordinario no que dar solución a problemas que para nós si son de urxencia, coma o caso extremo no que se atopa a plantilla de Lantero.

Por iso, é polo que dende o BNG tentaremos evitar a través de todos os medios ao noso alcance que este goberno autoritario do PP-IVIL siga a impoñernos unha ditadura abusando dunha maioría absoluta que todas e todos lembramos coma foi mercada.

Cabe lembrar que non vale a escusa de que por ser extraordinario o pleno non pode incluír os puntos de rogos e preguntas ou a inclusión de mocións a debate, xa que se fose a vontade do alcalde poderían incluírse sen problema ningún, ao ser el o que configura a orde do día da sesión plenaria. Máis con esta actuación temos claro que o que pretende é escorrer o bulto e librarse da incomodidade que para el supón a defensa real dos traballadores vilagarciáns e así o demostrou ao longo desta lexislatura posicionándose de xeito pasivo e cómplice mentres as empresas pechaban e pechan en Vilagarcía, e mentres se incrementa o número de poboación que cada vez se atopa nunha situación máis extrema.

Consideramos ademais unha falla de respecto como representantes da cidadanía, o feito de que se nos informe deste cambio a última hora despois de estar confirmada outra data para a celebración do pleno ordinario, e que ademais se pretenda poñer as comisións informativas unha hora antes do pleno sen darnos tempo a estudar ou preguntar os temas a debate.

Por este motivo dende o BNG vamos a esixir deste goberno a celebración dunha sesión plenaria onde se recollan todos os puntos que de xeito habitual serven de autofalante para a cidadanía vilagarciá.