O BNG PIDE ELIMINAR DA ORDE DE PECHE DA SARDIÑA QUE O CERCO SEXAN OS ÚNICOS AUTORIZADOS EN PESCALA

O BNG PIDE ELIMINAR DA ORDE DE PECHE DA SARDIÑA QUE O CERCO SEXAN OS ÚNICOS AUTORIZADOS EN PESCALA

O portavoz de pesca, Daniel Rodas, reclama no Parlamento galego que se modifique a actual orde do Magrama que regula o Plan de xestión da sardiña que imposibilitará que o xeito e outras artes a poidan pescar os próximos tres anos.

O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas, ven afirmar no Parlamento galego que o problema que está a padecer o xeito non é o TAC, xa que o Estado español e portugués obtiveron a aprobación do Ciem para establecer unha regra de explotación de carácter preventivo, para xestionar o recurso da sardiña. Esta regra é o actual Plan de xestión que entrou en vigor coa publicación da Orde 15 de xullo.

Este Plan de xestión aplícase ás capturas de sardiña levadas a cabo polas flotdaniel rodas1as española e portuguesa nas zonas Ciem VIIIc e Ixa, quedando fora a VIIIb. A flota afectada por esta Orde serán os buques pertencentes a flota do cerco, sendo estes os únicos autorizados a capturar esta especie.

O Plan ten unha duración de 3 anos polo que debemos concluír: “que ningunha outra arte está autorizada a poder pescar sardiña durante 3 anos”. Exclúese o xeito, o racú e as capturas accidentais doutras artes.

A normativa estatal exclúe artes tradicionais como o xeito, deixando no paro a unhas 427 embarcacións con permex para esta arte. Arte que ademais é utilizada habitualmente como alternancia cando non hai que pescar ou cando se da unha situación catastrófica como nestes anos no marisqueo, pola falta de capturas e pola alta mortaldade de especies como o berberecho que a Consellaría ten detectado pero non fai nada para enfrontalo.

O ”drama” é que segundo a “literatura española” tendo consultado ao sector e ás comunidades autónomas, a señora conselleira e o señor Secretario General de Pesca, ambos Directores Xerais na época de López Veiga, descoñecen que en Galiza existen artes tradicionais, como o xeito, que pescan sardiña e que aínda que a súa incidencia no total de capturas é insignificante son de vital importancia para comunidades costeiras.

Daniel Rodas, considera que esta é a “desgracia”. Que a incompetencia do Goberno galego e do seu aliado madrileño están conseguindo que o xeito galego quede sen posibilidades de poder pescar sardiña durante os próximos 3 anos.

O BNG entende que para solucionar o problema a señora conselleira debe esixir que se modifique a actual Orde; isto é eliminar o parágrafo “sendo estes os únicos autorizados a capturar esta especie”.

Para o BNG a responsabilidade desta tropelía ao xeito galego non é de algún iluminado en Bruxelas, é do Partido Popular de Galiza que ten ao galego Andrés Hermida como responsábel da Secretaría General do Mar en Madrid e a Rosa Quintana de conselleira.