O BNG de Meis esta farto de presentar mocións que nin son tomadas en conta para o seu debate

O BNG de Meis esta farto de presentar mocións que nin son tomadas en conta para o seu debate

Desde o BNG de Meis queremos denunciar a falta de interés no concello do goberno do Partido Popular. No pasado pleno, e como ven sendo habitual, non se tratou ningunha moción das presentadas.

No BNG estamos fartos de presentar mocións que nin  son tomadas en conta para o seu debate. No ultimo pleno presentamos mocións sobre os desafiuzamentos ou o tratamento do lixo, e incluso levamos presentando mocións sobre as participacións preferentes desde o mes de Abril do pasado ano, ou referentes ao sector leiteiro desde novembro, e unha e outra vez seguimos sen resposta por parte do equipo de goberno do PP. Son todos temas que lles afectan directamente aos veciños e veciñas de Meis, e queremos denunciar que ningunha delas foi levada ao pleno. Polo que podemos ver, ao goberno do Partido Popular non lle interesan estes temas tan importantes para a cidadanía.

É tal a desidia do Partido Popular e o seu rexeitamento a debater, que nin levaron ao pleno unha moción sobre as participacións preferentes presentada por eles mesmos. No contexto de crise actual e nun momento tan grave para as persoas que perderon os seus aforros co engano das preferentes, é unha falta de respeto que non conten co apoio das institucións que deberían protexelos. O PP no concello de Meis, que evita a toda costa que este tema se saque nos plenos, ten a obriga de posicionarse dunha vez coa xente e de abandoar xa a liña partidista  da Xunta que ven seguindo ata agora; e si é preciso, que se enfronte xa ao seu partido e defenda dunha vez aos veciños e veciñas estafados polas preferentes do noso concello.

Desde o BNG de Meis queremos que a xente saiba que a seguimos a defender, e que as queixas e melloras que nos fan e propoñen para ser tratadas no concello contan con todo o apoio do BNG e que seguiremos insistindo ata que sexan escoitadas.

O BNG de Meis esta farto de presentar mocións que nin son tomadas en conta para o seu debate