O BNG de Meis critica ao Alcalde por malgastar os cartos públicos.

O BNG de Meis critica ao Alcalde por malgastar os cartos públicos.

A voceira do BNG, Pilar Xiráldez solicita que os cartos destinados á reparación da capela de Vilar sexan destinados aos servizos sociais do concello.

O BNG de Meis denuncia que nun momento como o actual, de profunda crise económica, onde a xente o está a pasar realmente mal, e onde incluso algúns dos veciños e veciñas teñen dificultades para poder comer ou pagar as facturas, tanto o concello de Meis como a Deputación de Pontevedra prefiren gastar os cartos de tod@s en arranxar propiedades da Igrexa.2011.02.07- FOTO Meis-reducida

Neste caso falamos da capela de Vilar, na Armenteira, que sendo unha propiedade privada da Igrexa, ímola arranxar con diñeiro público. Para o BNG ese diñeiro debería ser empregado nos servizos sociais de Meis, que levan sufrindo constantes recortes e eliminación de programas que hoxe consideramos fundamentais para axudar aos veciños e veciñas. Cos máis de 50.000 euros que se van destinar á reparación desta capela non se terían que eliminar os programas de emerxencia social, do que o alcalde xa recortou máis do 50% do orzamento, ou se podería eliminar o copagamento do Servizo de Axuda do Fogar do que moitos veciños e veciñas tiveron que darse de baixa ao non poder pagalo.

Desde o BNG consideramos que a Igrexa, como entidade privada que é, ten cartos de sobra para arranxar os danos das súas propiedades, xa que ademais apenas paga impostos, ten exencións fiscais das que as persoas normais non poden gozar, dispón de subvencións outorgadas polo Goberno español, etc. Consideramos que é unha burla aos máis necesitados, por parte do Partido Popular, malgastar o diñeiro público deste xeito, sobre todo nun momento como o actual, onde o máis importante deberían ser as persoas.