Aragunde prefire ollar cara a outro lado

Aragunde prefire ollar cara a outro lado

En referencia ao rexeitamento de Luís Aragunde,  á proposta do BNG, de retirar o nomeamento de Cabaleiros do Albariño a políticos do PP inmersos en casos de corrupción, o BNG quere aclarar o seguinte:

O primeiro é que o BNG non fai críticas á festa do Albariño, senón que o BNG leva anos criticando a teima do PP en politizar esta festa coa abusiva presenza e protagonismo do seu partido; partido político que se por algo se caracteriza, actualmente, é polo escandaloso número de casos de corrupción no que están inmersos os seus membros. E non é xusto nin aceptable que o noso Concello e a nosa principal festa teña como imaxe promocional a foto de políticos que cobran soldos en negro, que utilizan os cartos públicos para o seu beneficio propio ou que benefician a determinadas empresas amigas.

Estes non son, como di Luís Aragunde, argumentos pobres, son argumentos suficientemente importantes coma para que dimita o presidente dun goberno Español que se agocha detrás dunha pantalla de plasma. Os únicos, realmente  pobres, son os cidadáns gobernados polo PP que cada día teñen menos traballo, menos ingresos, menos servizos públicos e máis impostos, mentres observan como moitos políticos hipócritas do PP fan caso omiso das leis que eles mesmo promulgan. Políticos que, por suposto, non deberían ser considerados como “Cabaleiros do Albariño” e se o foron no seu momento, tal distinción debería ser retirada.

Na resposta de Luís Aragunde, o que si queda claro, é que non ten argumentos para defender o comportamento de políticos corruptos do seu partido. Así que prefire agochalos, ollar cara a outro lado e, por omisión, defender o modelo de PP que nos está ”gobernando”. Con isto pode concluírse que o modelo de PP que nos goberna en Madrid é exactamente igual ca o que temos en Cambados e, por suposto, na Xunta de Galiza.

Aragunde prefire ollar cara a outro lado