O BNG INSTA AO CONSELLEIRO DE CULTURA A ANULAR A SANCIÓN IMPOSTA AO DIRECTOR DO IES DA ILLA
O Salnés, 23 de xaneiro de 2014.- A deputada do BNG Montse Prado, ven de presentar unha Proposición non de lei para o seu debate no vindeiro Pleno, relativa á eliminación da sanción imposta a Alfonso Malvido Piñeiro, director do IES da Illa de Arousa.
Para a nacionalista, a decisión por parte do Xefe Territorial de Pontevedra da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de revogar o nomeamento como director do IES da Illa de Arousa do profesor Alfonso Malvido Piñeiro e impedirlle durante tres anos poder presentarse a concurso de méritos para a selección e nomeamento de dirección de centros docentes públicos, non é máis que unha tentativa para pechar o conflito xurdido ante as reivindicacións da comunidade educativa do IES de A Illa de Arousa na defensa do ensino público e contra os recortes que nos últimos anos estaban a padecer coa redución de profesorado.
Ao longo dos últimos meses puidemos comprobar como os apoios ao director do IES da Illa de Arousa foron unánimes por parte de todos os sectores que integran a comunidade educativa dese centro, xunto coa solidariedade amosada por milleiros de profesores e profesoras, veciños, corporación municipal ao completo, equipos directivos doutros centros, etc , sabedores todos eles de que en todo momento Alfonso Malvido Piñeiro, ao que abala unha intachábel traxectoria como profesor e como director, traballou polo ben do alumnado do IES da Illa de Arousa.
É por iso, que desde o BNG instamos ao Conselleiro de Educación, tras a decisión da Xefatura Territorial de Pontevedra de expedientar e sancionar ao director para acalar as xustas reivindicacións do centro, a que atenda o recurso interposto por parte do director e anule a sanción a Alfonso Malvido Piñeiro, de xeito que o centro poida seguir desenvolvendo o seu labor educativo baixo a dirección de quen até o día 31 de decembro foi o seu director.