Prado pide que o Consello da Xunta se pronuncie contra o proxecto megamineiro de Touro-O Pino
Pide “valentía” á conselleira do Mar, Rosa Quintana para responder no Parlamento ás preguntas formuladas polo BNG e reclamacións de diversos sectores afectados pola actividade da mina
A deputada do BNG, Montse Prado demandou hoxe na comisión de Pesca que “o Consello da Xunta se pronuncie en contra do proxecto megamineiro de Touro-O Pino e escoite o “clamor” da cidadanía.
Ademais tamén pediu “valentía” á titular da consellería do Mar, Rosa Quintana para que compareza no Parlamento galego e responda ás preguntas formuladas polo BNG e sectores afectados pola actividade mineira, preguntas, dixo Prado, ás que polo momento a conselleira do Mar “non quixo responder”.
A parlamentaria lembrou que miles de persoas manifestáronse a pasada fin de semana nas rúas de Compostela e encheron, de maneira multitudinaria, a Praza do Obradoiro para reclamar que se paralice a concesión á empresa explotadora da mina de Touro. O goberno galego, manifestou , debe dicir de que lado se coloca, “si dun proxecto espoliador que só deixa destrución ou do lado dos sectores produtivos que crean riqueza”.
Para a deputada, debe ser “o conxunto do goberno galego” o que tome a decisión de parar o proxecto da mina de Touro. Non só o pide o BNG dixo, tamén o sector do mar, e as confrarías de maneira unánime polo que trasladou ao Parlamento galego a “alarma e preocupación” ante a contaminación da Ría de Arousa derivada da activade da mina.
Na defensa da iniciativa, a parlamentaria aludiu aos informes elaborados polos diferentes departamentos da Xunta que reflicten riscos reais do proxecto mineiro entre os que destacou: a contaminación das traídas, dos acuíferos, da atmosfera, incompatibilidade co aproveitamento gandeiro, forestal e riscos graves para a saúde pública. A administración galega de augas cuestiona practicamente todos os aspectos do proxecto pola afección da calidade das augas, e confirma a contaminación de todos os ríos arredor da mina de Touro-O Pino.
A nacionalista preguntou que máis precisa saber o goberno galego para denegar a autorización á empresa cuxa actividade representa “unha grave ameaza para a saúde ambiental e cidadá” ademais de afectar moi negativamente ao emprego de miles de persoas na ría de Arousa.
A deputada do BNG reiterou que “sobran os motivos” para rexeitar o proxecto da mina de Touro-O Pino e lembrou que a empresa conta cun longo historial de incumprimentos, intento de ocultación da dimensión do proxecto, e mesmo ocultou as consecuencias da explotación polo que volveu a preguntar que máis argumentos necesita a Xunta para dicir “non á mina de Touro”.
Prado afirmou que a verdadeira razón do goberno galego para manter a autorización da mina reside na “falta de vontade política” e apelou aos informes desfavorábeis e a mobilización social para reclamar a rectificación da Xunta.
O portavoz do grupo maioritario do Partido popular, Martín Fernández Prado anunciou o voto en contra da iniciativa do BNG defendida pola deputada nacionalista, Montse Prado.