Prado reclama garantir as demandas da comunidade educativa do EEI A Pastora.
Na Escola de Ensino Infantil (EII) A Pastora neste curso escolar 2020-2021 hai escolarizados dous nenos con necesidades de apoio e coidado en diferente grado, e situados en diferentes aulas, necesidades establecidas polo equipo de orientación.
A comunidade educativa do centro leva meses reclamándolle á Xunta de Galiza que cubra unha praza de coidadora para atender as necesidades de apoio destas dúas crianzas que están matriculadas no centro.
Tras meses agardando unha resposta, por parte da Consellaría trasládalles a proposta de que a coidadora que presta atención no CEIP A. Magariños, no mesmo concello, comparta xornada laboral co EII A Pastora. Atender ás necesidades d@s nen@s deste último centro de 12 a 13.30 horas e o resto da xornada no A. Magariños.
Para o BNG é evidente que esta alternativa non satisfai a ninguén, xa que O CEIP A. Magariños verá recortada a asistencia que viñan tendo @s seus nen@s, o tempo que a profesional poderá adicar a EII A Pastora será insuficiente, máis tendo en conta que é unha irresponsabilidade a mobilidade da profesional entre os dous centros no medio dunha pandemia por razóns de protección e seguridade.
Os déficits existentes na EEI A Pastora mostra que se está lonxe dunha correcta atención á diversidade que por dereito lle corresponde aos alumnos e alumnas.
“A Consellería de educación non está poñendo nin os medios, nin os recursos, nin os procedementos necesarios para facer efectivo o principio de igualdade e normalizar o principio de inclusión, non se está a respectar o Dereito á Educación Inclusiva, xa que sen os recursos e dotacións necesarias de profesionais de apoio que faciliten a aprendizaxe e a superación das dificultades que a diversidade trae consigo non é posíbel,” denuncia a deputada Montse Prado.
A deputada recrimina á Xunta de Galiza que estamos diante dunha decisión tomada en base a criterios económicos e non pedagóxicos, que non ten xustificación para que estes nen@s queden sen o apoio dun/ha coidador/a en calquera momento que o precise nas horas lectivas, á hora de comer, na hixiene e acompañamento das crianzas.