Os Vilagarcíáns condeados a pagar a falsa austeridade do Partido Popular

Os Vilagarcíáns condeados a pagar a falsa austeridade do Partido Popular

O goberno do PP e do Sr. Fole ven de aprobar na xunta de goberno local do 23 de maio, que as veciñas e veciños de Vilagarcía lle paguemos o almorzo que as e os concelleiros do PP toman durante o desenvolvemento das xuntas de goberno local

Na acta da Xunta de Goberno Local do 23 de maio, no Bloque Nacionalista Galego atopámonos coa desagradábel sorpresa de que o Goberno do PP de Vilagarcía ven de aprobar o pago de 4 facturas en concepto de suministro de cafés á xunta de goberno local.

O BNG pregúntase onde queda a austeridade coa que continuamente machaca o PP, cando o Goberno do Sr. Fole ven de aprobar o pago dunhas facturas en concepto de " SUBMIN. CAFES XUNTA DE GOBERNO LOCAL".

Parécenos impresentábel, o feito de que ao PP se lle encha a boca falando de austeridade, e esixindo sacrificios á cidadanía, á vez que aplica constantemente recortes que supoñen o detrimento das condicións de vida da mesma, permítase o feito de costearse o almorzo que se toman os integrantes da xunta de goberno local nas súas xuntanzas á costa das veciñas e dos veciños do noso concello.

Non chega con que o PP encha o peto dos seus concelleiros á costa das xunta de goberno local, excluíndo delas a concelleiras liberadas coma Rocío LLovo, o cal non suporía un custe a maiores para a cidadanía ao estar esta liberada, senón que agora tamén hai que pagarlle os cafés que se toman nas mesmas.

Queda claro polo tanto a mala xestión dos recursos públicos por parte do Sr. Fole e do PP de Vilagarcía de Arousa, por iso dende o BNG presentaremos no rexistro do concello preguntas para a súa resposta por escrito para saber quen deu orde por parte do Goberno do PP para que se aprobase este gasto e en base a que o cren xustificábel.

Dende o BNG insistiremos ata lograr que cesen este tipo de prácticas por parte da equipa de goberno de Tomás Fole.

Os Vilagarcíáns condeados a pagar a falsa austeridade do Partido Popular