QUE NON NOS SIGAN ROUBANDO!

QUE NON NOS SIGAN ROUBANDO!

Desde o BNG de Meis queremos denunciar a absurda e inxusta subida do imposto da recollida de lixo no noso  concello. Absurda porque desde que empezou a funcionar este servizo nunca funcionou como é debido e ten moitas deficiencias: falta de colectores para os diferentes tipos de residuos, falta de colectores de reciclaxe individual para as vivendas… e así ata o infinito. Do mesmo xeito, denunciamos que é unha medida inxusta porque o Partido Popular, co alcalde á cabeza, segue a cargar sobre as costas do máis débiles a súa nefasta xestión económica. Meis foi un dos últimos concellos de Galiza en ter este servizo, e 15 anos despois, sen ningunha das melloras prometidas e co mesmo pésimo servizo, o señor José Luis Perez, de xeito unilateral, sen

escoitar as queixas dos veciños e coa total oposición do BNG no concello, impuxo unha suba do 50% no imposto da recollida do lixo, o que fará que os veciños teñan que pagar o dobre polo mesmo nefasto servizo.

Todo isto mostra que o Partido Popular de Meis segue a rirse dos cidadáns, enchendo a súa boca de promesas que nunca se cumpren e ignorando reiteradamente a situación económica dos veciños e veciñas de Meis. Se a todo isto sumamos que este último ano, no peor contexto económico da crise, os inoperantes que gobernan o noso concello tamén nos impuxeron outras subas nos impostos municipais como o imposto do ORAL, do IBI, a aplicación do canon da auga… encontrámonos cunha situación económica insostible para os fogares meisinos. Ao Partido Popular tíñalle que caer a cara de vergoña por mentireiro, por inoperante, por opaco e, sobre todo, por intentar que os veciños de Meis paguen con impostos a súa mala xestión do concello.

Por todo isto, o BNG de Meis, que se opón con todas as forzas a este modelo de xestión e a estas inxustas subas dos impostos, convoca a todos os veciños e veciñas de Meis a unirse á protesta en forma de cacerolada-pitada que levaremos a cabo diante do Concello o Sábado día 21 ás 12:30 da mañá. Se o Partido Popular de Meis segue a negarse a escoitar as demandas sociais que o  BNG, en nome dos veciños, leva aos Plenos, terá que escoitarnos na rúa.

QUE NON NOS SIGAN ROUBANDO!