Conde confirma ao BNG que a lei decidirá a instalación da gran superficie comercial en Vilagarcía

Conde confirma ao BNG que a lei decidirá a instalación da gran superficie comercial en Vilagarcía

montse pradoA deputada do BNG, Montse Prado alertou do impacto negativo para o comercio da comarca do Salnés a presenza dunha grande superficie comercial que agravará aínda máis a situación do sector comercial

A deputada nacionalista contrapuxo a xestión política, en materia de comercio, entre o BNG e o Partido popular e lembrou o labor e logros dos nacionalistas ao fronte da consellería e da dirección xeral de Comercio, “oxalá, dixo, vostedes fixeran a cuarta parte”.

A parlamentaria, tras saudar ao colectivo de comerciantes de Vilagarcía presentes no debate na tribuna de convidados da Cámara preguntou polas previsións do Goberno galego ante a posible instalación dunha grande superficie comercial que ao seu xuízo, “non paga impostos en Galiza, precariza o emprego e destrúe o sector comercial galego”.

Prado asegurou que a pelota está no tellado da consellería porque é quen de impedir a futura instalación comercial polo que preguntou de que lado estará o conselleiro cando chegue a petición para autorizala, “os comerciantes queren saber que vai facer a consellería que dirixe Francisco Conde”, reiterou.

Pola súa parte, o titular de Industria, Francisco Conde asegurou que será a lei a que determine se a grande superficie comercial cumpre coas condicións necesarias para a súa instalación en Vilagarcía de Arousa ao que a deputada do BNG volveu preguntar pola postura do conselleiro, “vai vostede a poñerse ao lado dos comerciantes e recibilos ou polo contrario poñerase de perfil para botarlle a culpa a outro como fai habitualmente o Partido popular.

A parlamentaria insistiu na necesidade de defender o sector do comercio galego fronte á pretensión do proxecto de gran superficie comercial prevista en Vilagarcía de Arousa porque o pequeno e mediano comercio é “vertebrador e motor económico” das pequenas vilas galegas.

A realidade comercial galega viuse alterada pola proliferación de grandes superficies comerciais que ocasionaron a “degradación dos centros urbanos, a perda de postos de traballo e a fraxilidade noutras actividades”, engadiu.

Montse Prado apelou a difícil situación pola que atravesa o pequeno e mediano comercio galego, “dos máis castigados” pola crise que padece Galiza, “Sr. Conselleiro impida vostede seguir profundando na fenda económica do noso comercio e non permita instalar a futura grande superficie en Vilagarcía de Arousa”, concluíu.

Conde confirma ao BNG que a lei decidirá a instalación da gran superficie comercial en Vilagarcía