O BNG reunese co sector do mar na Confraría de Cambados

O BNG reunese co sector do mar na Confraría de Cambados

O sábado 16 de febreiro, ás 7 da tarde na Confraría de Pescadores de Cambados, o grupo municipal do BNG reuniuse con representantes e traballadores/as do Sector do Mar do municipio para facerlles partícipes de diferentes propostas e iniciativas relacionadas con este sector,  que o BNG está a plantexar á Xunta de Galicia.

Entre a información facilitada estiveron as diferentes enmendas presentadas polo BNG aos Orzamentos  2013 da Xunta de Galiza. Enmendas dirixidas cara á promoción de emprego, xa que nestes momentos debe ser a prioridade da Xunta de Galiza (Plan de emprego para comarcas afectadas pola crise de sectores produtivo básicos: 4.000.000 €, Plan específico de emprego para comarcas con maiores taxas de desemprego, coma o Salnés: 9.000.000 €) e enmendas centradas no apoio ao sector do mar como sector produtivo imprescindible para a economía da nosa comarca, tremendamente castigada polo paro (Plan de recuperación do marisqueo na Ría de Arousa: 1.000.000 €, Plan de recuperación do marisqueo da Saco de Fefiñáns: 200.000 €, Plan de recuperación do marisqueo dos lombos do Ulla: 500.000 €, granxa de produción de semente de molusco na Ría de Arousa: 1.200.000 €, Plan de defensa da produción e comercialización do mexillón galego: 3.500.000 €, promoción da comercialización do mexillón en colaboración co Consello Regulador: 741.830 €, accións para o reinicio zonal da explotación do “reló”: 300.000 €, restitución do seguro colectivo de accidentes do mar: 750.000 €, restitución das axudas a mariscadoras de máis de 65 anos: 698.000 €, Plan estratéxico do sector conserveiro galego: 9.000.000 €).

Durante a reunión trasladouse, así mesmo, a importancia do apoio á moción presentada polo grupo municipal do BNG sobre  a defensa do Servizo de Salvamento marítimo da Xunta de Galiza e dos seguros por mal tempo ou accidentes do mar; temas de importancia vital para o sector do mar e que as actuais políticas erradas da Xunta de Galiza están a deteriorar ata extremos inaceptables. Lamentabelmente, en moi curto espazo de tempo, son varias as decisións do Goberno galego que viñeron a degradar, aínda en maior medida, os niveis de seguranza marítima existentes no litoral galego. Nesta liña, o BNG pediu o apoio do sector na recollida de sinaturas de cara á  iniciativa lexislativa popular pola defensa do Salvamento Marítimo, servizo que a Xunta de Galiza está a transformar nun negocio para o beneficio da empresa privada.

A reunión rematou cun intercambio de opinións entre os asistentes sobre a precaria situación pola que está a pasar actualmente o sector.

O BNG reunese co sector do mar na Confraría de Cambados