Prado pide que o Consello da Xunta se pronuncie contra o proxecto megamineiro de Touro-O Pino

FOTO Montse Prado pide que o Consello da Xunta denegue autorizar a mina de Touro

Pide “valentía” á conselleira do Mar, Rosa Quintana  para responder no Parlamento  ás preguntas formuladas polo BNG  e reclamacións de diversos sectores afectados pola actividade da mina

Prado pide que o Consello da Xunta se pronuncie contra o proxecto megamineiro de Touro-O Pino

A deputada do BNG, Montse Prado demandou hoxe na comisión de Pesca  que “o Consello da Xunta se pronuncie en contra do proxecto megamineiro de Touro-O Pino e escoite o “clamor” da cidadanía.

Ademais tamén pediu “valentía” á titular da consellería do Mar, Rosa Quintana para que compareza no Parlamento galego e responda ás preguntas formuladas polo BNG e sectores afectados pola actividade mineira, preguntas, dixo Prado, ás que polo momento a conselleira do Mar “non quixo responder”.

A parlamentaria lembrou que miles de persoas manifestáronse a pasada fin de semana  nas rúas de Compostela e encheron, de maneira multitudinaria, a Praza do Obradoiro para reclamar  que se paralice a concesión á empresa explotadora da mina de Touro. O goberno galego, manifestou , debe dicir de que lado se coloca, “si dun proxecto espoliador que só deixa destrución ou do lado dos sectores produtivos que crean riqueza”.

Para a deputada, debe ser “o conxunto do goberno galego” o que tome a decisión de  parar o proxecto da mina de Touro. Non só o pide o BNG dixo, tamén  o sector do mar,  e as confrarías de maneira unánime polo que trasladou ao Parlamento galego a “alarma e preocupación” ante  a  contaminación da Ría de Arousa derivada da activade da mina.

Na defensa da iniciativa, a parlamentaria aludiu aos informes elaborados polos diferentes departamentos da Xunta que reflicten riscos reais do proxecto mineiro  entre os que destacou: a  contaminación das traídas, dos acuíferos, da atmosfera, incompatibilidade co aproveitamento gandeiro, forestal e riscos graves para a  saúde pública. A administración galega de augas cuestiona practicamente todos os aspectos do proxecto pola afección da calidade das augas, e confirma a contaminación de todos os ríos arredor da mina de Touro-O Pino.

A nacionalista preguntou que máis precisa saber o goberno galego para denegar a autorización á empresa cuxa actividade representa “unha grave ameaza  para a saúde ambiental e cidadá” ademais de  afectar moi negativamente ao emprego de miles de persoas na ría de Arousa.

A deputada do BNG reiterou que “sobran os motivos” para rexeitar o proxecto da mina de Touro-O Pino e lembrou que a empresa conta cun longo historial de incumprimentos, intento de ocultación da dimensión do proxecto, e mesmo  ocultou as  consecuencias da explotación polo que volveu a preguntar que máis argumentos necesita a Xunta para dicir “non á mina de Touro”.

Prado afirmou que a verdadeira razón do goberno galego para manter  a autorización da mina reside na “falta de vontade política” e apelou aos informes desfavorábeis e a mobilización social para reclamar a rectificación da Xunta.

O portavoz do grupo maioritario do Partido popular, Martín Fernández Prado anunciou o voto en contra da iniciativa do BNG defendida pola deputada nacionalista, Montse Prado.

Prado pide que o Consello da Xunta se pronuncie contra o proxecto megamineiro de Touro-O Pino