Montse Prado leva ao Parlamento Galego a situación do Centro de Saúde de Vilaxoán.

MONTSE PRADO COMISIONPESCA

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Prado, insta ao Goberno Galego a que  proceda a substituír, á profesional facultativa que presta servizos no centro de saúde de Vilaxoán, pola totalidade do tempo que dure a súa ausencia.

Montse Prado leva ao Parlamento Galego a situación do Centro de Saúde de Vilaxoán.

Como ven denunciando o BNG, desde a chegada de Feijoó á Xunta de Galiza, os recortes que o Goberno galego está aplicando en materia de sanidade están provocando un deterioro continuado do sistema sanitario público, recortes que se están aplicando dun xeito xeneralizado, tanto na atención hospitalaria como en atención primaria, e en todo o territorio galego.

Dentro dos recortes, o persoal é dos principais afectados, sendo sistemática a redución de profesionais, o que significa maior carga de traballo e que a calidade asistencial tamén se vexa afectada.

Un exemplo desta situación concrétase no centro de saúde de Vilaxoán, no concello de Vilagarcía de Arousa.

Nestes días tense coñecemento que a médica que atende no centro de saúde de Vilaxoán vai estar de baixa durante un tempo considerábel, sen que isto conleve que desde a Consellaría de Sanidade destine outro/a profesional para a súa substitución.

No centro de saúde hai unha médico e unha enfermeira que atende a usuarios e usuarias do pobo de Vilaxoán, Sobradelo, Faxilde, Galáns. Unha parte moi importante dos doentes que acoden a este centro superan os 60 anos e moitos con mobilidade reducida.

A non substitución desta médica ocasionará prexuízos para os doentes que se terán que desprazar ao centro de saúde de Vilagarcía de Arousa ben en autobús ou en taxi, polo que suporá un gasto económico para os usuarios e usuarias, ou ben depender doutras persoas para o seu traslado.

Neste centro, aberto de luns a venres de mañá, na maioría dos días hai unha sobrecarga asistencial excesiva que obriga aos profesionais sanitarios a facer máis horas das que lle corresponden.

Ademais, as consecuencias de non substituír a esta médica implicará que o persoal médico do centro de saúde de Vilagarcía, saturado xa na maioría dos días, verá incrementado o número de pacientes para atender polo que a calidade asistencial verase deteriorada.

Montse Prado leva ao Parlamento Galego a situación do Centro de Saúde de Vilaxoán.