O BNG presentará unha moción sobre as obras de ampliación do Hospital do Salnés e

O BNG presentará unha moción sobre as obras de ampliación do Hospital do Salnés e

O BNG de Cambados, A Illa, Catoira, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa presentarán unha moción nos respectivos concellos instando á Xunta de Galiza a adxudicar de inmediato as obras de ampliación do Hospital do Salnés e que se consigne unha partida específica nos Orzamentos da Xunta de Galiza para o 2015.

O Hospital do Salnés construíuse froito da demanda d@s veciñ@s da comarca do Salnés e da súa mobilización constante até conseguir que unha Iniciativa Lexislativa Popular se aprobara no Parlamento Galego e posteriormente fora unha realidade que a Comarca contara con un hospital propio.

Desde a súa inauguración en xaneiro de 2001, sempre contou con servizos e recursos por debaixo das necesidades da poboación á que ía a prestar asistencia sanitaria: a ratio de persoal máis baixa dos centros sanitarios dependentes do SERGAS, nunca contou con UCI, as camas enseguida se veu que non chegaban para o número de doentes que tiña que atender, quirófanos insuficientes, e o servizo de urxencias tamén se verificou que non tiña a dimensión precisa.

Construíuse un hospital que naceu pequeno para as necesidades reais de asistencia sanitaria. Durante todos estes anos foron constantes as reivindicacións tanto dos profesionais como da cidadanía, o que levou aos responsábeis sanitarios a recoñecer a necesidade de acometer obras de ampliación. Ampliacións que ou aínda non chegaron ou se realizaron con tardanza, como a terceira planta, que tras a súa construción, a día de hoxe está infrautilizada.

O BNG denuncia que pasada unha lexislatura e xa vai mediada a seguinte e as promesas non se materializaron. A construción dun edificio anexo para a ampliación do servizo de urxencias e a dotación de novos quirófanos, que está por debaixo das demandas de cidadanía e profesionais que seguen a reivindicar a necesidade dunha UCI e un Hospital de Día, segue agardando a pesares de que houbo partidas nos orzamentos da Xunta para tal fin.

A última fase deste encadeamento de incumprimentos do PP, e do propio Núñez Feijoo, comeza en outubro do 2009 cando nunha visita á Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Núñez Feijoo comprometeuse a ampliar o servizo de urxencias do Hospital do Salnés e a que as obras se acometerían o ano seguinte para o que destinarían un millón de euros.En 2010 deciden revisar o Plan Director e coa promesa de iniciar as obras ao remate de dita revisión. En marzo de 2012 o alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, veu dunha reunión co Presidente da Xunta coa promesa de que o Hospital se licitaría antes de rematar a lexislatura pasada.

En agosto do 2012, o Consello da Xunta adoptou o seguinte acordo: O Sergas contratará de maneira conxunta a redacción de proxectos, dirección de obras, mantemento e subministración enerxética de 15 novos centros de saúde e da ampliación do Hospital do Salnés, por un importe de 11 millóns de euros.

Nos orzamentos da Xunta para o ano 2013 contempláronse 6.125.780 € para unha ampliación do hospital, que non se executou.No orzamento de 2014 volveu a haber unha consignación orzamentaria de 4.300.000 € que a data de hoxe tampouco se executou.

O 3 de xullo de 2014 o Consello da Xunta tomaba o acordo polo que se autorizaba a contratación das obras de ampliación do Hospital Comarcal do Salnés- Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), e  no DOG do 22 de xullo de 2014 publícase a resolución da Dirección Xeral de Recursos Económicos pola que se anuncia a licitación establecendo un prazo de execución de 27 meses.

Transcorridos máis de 3 meses a obra de ampliación do Hospital do Salnés non só non foi adxudicada, senón que no proxecto de orzamentos da Xunta para o ano 2015 non vai ningunha partida destinada para as obras de ampliación.

O Goberno galego leva seis anos de mentiras e enganos aos veciños e veciñas da comarca do Salnés e @s profesionais; estivo a xogar coa ampliación, coas datas de licitación e agora coas datas de execución e coa ausencia de consignación orzamentaria.

Unha ampliación que ía realizarse en 2009 e a pouco de rematar 2014 sigue sendo unha incógnita a data na que esta ampliación será unha realidade e si vai haber recursos económicos para levala a cabo.

 

 

O BNG presentará unha moción sobre as obras de ampliación do Hospital do Salnés e