Olaia Fdez. Davila presentou en Vilagarcía de Arousa a campaña do BNG “GALIZA, A FORZA QUE NOS UNE”.

Olaia Fdez. Davila presentou en Vilagarcía de Arousa a campaña do BNG “GALIZA, A FORZA QUE NOS UNE”.

11230973_734843919980165_6739787834788774125_nA deputada nacionalista afirmou que o BNG é a única forza política que levou a voz dos galegos e galegas ao Congreso.

No acto celebrado esta noite baixo o lema “Galiza, a forza que nos une”, a deputada Olaia Fdez. Davila explicou o traballo realizado no Congreso dos Deputados polo BNG ao longo destes últimos 20 anos.

A nacionalista sinalou que co BNG, desde a súa chegada no ano 1996 ao Congreso dos Deputados, sempre que falaron os deputados e deputadas do BNG, falou o noso País, xa que outras formacións políticas de ámbito estatal manteñen, na maioría dos casos, un doble discurso: os deputados e deputadas galegos manifestan e din defender os intereses da cidadanía galega aquí; pero logo calan ou defenden o contrario en Madrid en función de estratexias e disciplina de partido ou do chamado “interés xeral”.

Olaia Fdez. puxo o acento no “diálogo permanente cos colectivos económicos e sociais” á hora de fixar a folla de ruta do traballo do Bloque no Congreso, onde destacou a oposición aos “ataques” do PP contra os servizos públicos, a defensa do sector industrial e das infraestruturas. Naval, tarifa eléctrica galega, AP-9. A defensa dunhas infraestruturas ferroviarias con todas as garantías, – ca traxedia de Angrois de fondo-, foi outra das cuestións que centraron o traballo do BNG nesta lexislatura.

“O BNG fíxose oír reclamando o mantemento dos sectores produtivos galegos, como é o caso do sector gandeiro, da pesca, do sector naval, ...”.

Na defensa da gratuidade e calidade dos servizos públicos – en permanente desmantelamento a consecuencia da política neoliberal do PP – así como dunhas infraestruturas imprescindíbeis para o desenvolvemento do País (AVE, portos, rede viaria do Estado...).

O BNG apostou pola creación dun sistema financeiro galego ou foi a voz no Congreso da mobilización social galega: na estafa das preferentes ou, por exemplo, na persecución por parte de Facenda aos emigrantes retornados.

A respecto da nosa comarca, Olaia Fdez. tamén fixo unha balanzo das distintas iniciativas e peguntas feitas ao Goberno español como a demanda de melloras na circunvalación Sur de Vilagarcía de Arousa para evitar accidentes, demanda no aumento da potencia dos motores de barcos de artes menores adicados ao marisqueo, reclamando o pago aos afectados polas expropiacións polo viario do Porto de Vilagarcía de Arousa, presentando iniciativas na defensa do sector conserveiro ou levando a voz dos veciños e veciñas de Bamio polo novo trazado da alta velocidade entre Vilagarcía e Santiago.

Olaia Fdez. destacou que todo este esforzo recibiu a consideración de ser, en relación ao seu número de deputados/as, unha das formacións que máis iniciativas ten presentado na Cámara Baixa e a primeira forza política en transparencia democrática do Estado Español.

Finalmente, Davila manifestou que o 20 de Decembro pódese abrir un escenario político moi diferente ao actual, no que non haxa maiorías absolutas e no que se produzan cambios constitucionais e o debate sobre o modelo de Estado e o futuro das súas nacionalidades. “Galiza non pode quedar á marxe deste reto onde se xoga a súa soberanía”, a defensa do país terá continuidade en man das persoas que sexan elexidas dentro da candidatura galega de unidade que se materializou hai poucos días baixo a denominación de “NÓS- Candidatura Galega”. É imprescindíbel que esta candidatura conte con un grupo parlamentar propio que lle dea máis forza ao noso País. Un grupo que nos permita aos galegos e galegas negociar desde o primeiro día sen as mans atadas, e en pé de igualdade con todos os demais grupos.

Olaia Fdez. Davila presentou en Vilagarcía de Arousa a campaña do BNG “GALIZA, A FORZA QUE NOS UNE”.