O BNG a través do seu representante na Autoridade Portuaria vai reclamar aclaración do Porto sobre o que ven acontecendo coa empresa Condesa Sport

foto xabir rios
foto xabir rios

Xabier Ríos vai reclamar da presidencia do porto información sobre o estado dos impostos e pagos desta empresa á seguridade social, ao propio porto e as consecuencias que deberían conlevar estes feitos, como o incumprimento c@s traballadores/as  na concesión que lle foi adxudicada.

O BNG a través do seu representante na Autoridade Portuaria vai reclamar aclaración do Porto sobre o que ven acontecendo coa empresa Condesa Sport

Para o BNG, non é de recibo que unha empresa que foi beneficiada polo PP, tanto dende o porto como dende o concello polo anterior goberno de Fole, poida ser incumpridora coa facenda, a seguridade social e cos dereitos dos traballadores e nas relacións laborais. O portavoz municipal considera necesario unha aclaración dos motivos que teñen desencadeado esta situación, que garantías se lle teñen esixido no seu día a esta empresa para a súa instalación na zona portuaria, e que medidas se teñen pensado propor e tomar dende a presidencia portuaria diante da situación actual da empresa.

Para o BNG, que xa denunciara no seu día esta concesión, resulta inadmisible que dende a administración se tivese concedido esta instalación na zona portuaria, coa construción dunha nave que supón unha barreira máis na fachada marítima de Vilagarcía. Este feito xunto co de competencia desleal que resultou do prezo de saldo co que foi beneficiada Condesa Sport por parte do porto, fai que a día de hoxe nos poidamos atopar con un despropósito maiúsculo, consecuencia unha vez máis, da política  de “amiguismo” levada adiante polo PP.

O BNG vai pedir explicacións, pois considera moi grave que unha vez máis dende o PP, utilizando as administracións públicas, se teña beneficiado a “empresas amigas” que resultan involucradas en procesos xudiciais. Ríos sinala “ademais da preocupación pola situación na que poidan quedar as/os traballadoras/es, preocúpanos  tamén o feito dunhas instalacións que se impuxeron e supoñen unha barreira ao mar na fachada marítima para Vilagarcía”.

 En todo caso, dende o BNG demandaremos do porto medidas para que esta empresa cumpra coa legalidade.

O BNG a través do seu representante na Autoridade Portuaria vai reclamar aclaración do Porto sobre o que ven acontecendo coa empresa Condesa Sport