O BNG insta ao Goberno para que se axilice a creación do Consello da Cultura Municipal

Neste senso ven de manter unha nova reunión cos colectivos e creadores locais de cara a seguir consensuando as propostas ao borrador de regulamento para este órgano e tamén os pasos a dar coa finalidade de solicitar a axilización da súa creación .

O BNG insta ao Goberno para que se axilice a creación do Consello da Cultura Municipal

Unha vez aprobado o regulamento de usos dos espazos culturais, no que o BNG veu traballando conxuntamente coas distintas asociacións e colectivos culturais, resulta agora prioritario a creación do Consello da Cultura Local e o consenso coa mesma das decisións que lle afecten dentro da política cultural do noso concello. Desde o BNG seguimos a traballar conxuntamente coa xente da cultura para que este organismo se constitúa canto antes, pois  considerámolo fundamental para o mellor desenvolvemento do eido cultural en Vilagarcía de Arousa.

Por este motivo, o encontro que tivo lugar onte centrouse fundamentalmente en falar da necesidade de instar ao goberno a aprobar o antes posible a proposta de regulamento que define o mellor sistema de funcionamento do propio Consello.

Nas súas liñas xerais, no borrador proposto chegouse á conclusión que na súa estrutura, e para unha mellor operatividade, debería contemplar tres órganos. O Pleno: formado polos/as vocais de todas organizacións inscritas no rexistro do concello e queiran participar; A comisión permanente: formada polos/as representantes do pleno; e as comisións de traballo: nas que participarían representantes dos distintos sectores. Tamén se considera necesario que este consello non sexa un órgano unicamente consultivo e as decisións que  no mesmo se aproben se leven adiante polo goberno municipal e de ser preciso elevando as mesmas ao pleno. Deste xeito tamén se contempla a representación no mesmo de todos os partidos da corporación municipal.

En definitiva, o borrador elaborado considérase un regulamento efectivo e sinxelo que permite axilizar aqueles temas que teñen que ver coa mellora da cultura do noso concello, que vai ser trasladado ao goberno municipal co fin de que, a partir deste instrumento, se axilice a creación do Consello da Cultura.

Lembramos que desde o BNG vense traballando conxuntamente cos colectivos culturais e creadores/as de Vilagarcía. Este traballo ten propiciado as propostas e posterior inclusión de diferentes partidas no orzamento no eido da cultura, lingua e patrimonio ( entre as mesmas: 30.000€ para cursos dos nosos creadores, 10.000€  para axuda a publicación de escritores noveis, 10.000€ para habilitación sala exposición para creadores noveis, aumento das axudas as entidades culturais e para premios e becas,...). Ademais, nas anteriores reunións, se ten elaborado a proposta de regulamento dos usos nas instalacións culturais; así como outras propostas e ideas nas que se está traballando.