Pontón acusa a Feijoo de iniciar en Sanxenxo a estratexia do transfuguismo de cara as municipais

ANAPONTON VISITA SANXENXO
ANAPONTON VISITA SANXENXO

Ante o cambio de cadeiras para recolocar a Telmo Martín, bota man de Rajoy para lembrarlle ao PP que “es el vecino quien elige al alcalde y es el alcalde quien quiere el vecino que sea el alcalde”

Pontón acusa a Feijoo de iniciar en Sanxenxo a estratexia do transfuguismo de cara as municipais

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse a Sanxenxo para denunciar a estratexia do transfuguismo que o PP decidiu poñer en marcha de cara as eleccións municipais de 2019, que ten como punto de arranque o “cambio de cadeiras” que ultiman en Sanxenxo para volver colocar a Telmo Martín na Alcadía “pola porta de atrás”.

Desta estratexia que, avanzou, terá novos exemplos en Pontevedra, responsabilizou directamente a Feijóo e ao presidente popular na provincia Alfonso Rueda, e ten como epicentro a moción de censura encuberta para recolocar ao que foi paradigma da figura alcalde-promotor e máximo expoñente dun urbanismo salvaxe.

Por iso, tirando de ironía, Pontón lembroulle a Feijóo as palabras do presidente do Estado co seu célebre “son os veciños os que elixen ao seu alcalde”.

“Recordarlle a Rueda e a Feijóo as palabras dun ilustre visitante desta vila, o señor Rajoy, quen dicía literalmente: Es el vecino quien elige al alcalde y es el alcalde quien quiere el vecino que sea el alcalde. Pois a Telmo Martín non o elixiron os veciños e veciñas de Sanxenxo senón que quere acceder a Alcaldía pola porta de atrás, así que deberían tomar nota das palabras de Rajoy”, alegou Pontón.

A dirixente do Bloque criticou que Feijóo está “disposto a todo, sen o máis mínimo reparo democrático utilizando as prácticas caciquís que deberían estar erradicadas da política”.

“Sanxenxo, indicou, ten dereito a ser noticia non por ser parte da estratexia de transfuguismo do PP cara aos comicios locais de 2019, senón polos seus valores, polos seus recursos e por dar pasos adiante para mellor a vida da súa veciñanza”, argumentou.

Por contra, no ecuador dos gobernos municipais, “o PP amosa o seu nerviosismo e demostra que as vellas prácticas caciquís e do transfuguismo, -que son unha vella forma de corrupción-, seguen instaladas no Partido Popular,  pero vai ter enfronte a un BNG que quere gobernos municipais democráticos e libres da corrupción que representa o transfuguismo”, explicou a dirixente nacionalista.

 

Pontón, xunto coa deputada por Pontevedra, Montse Prado, mantivo un encontro co grupo municipal liderado polo portavoz David Otero, no que aproveitou para destacar o traballo da formación nacionalista no Concello “a favor de mellorar a calidade de vida da veciñanza, para mudar o urbanismo depredador por outro modelo ao servizo das persoas e por facer máis democrática a institución municipal”.

O cambio de cadeiras que ultima o PP neste “asalto” á Alcaldía “implican que gana Telmo Martín e os seus intereses urbanísticos, mentres perde á maioría social do concello que ve o retorno ao un pasado que debería quedar desterrado”.

BNG, coa maioría social

A dirixente nacionalista advertiu que o BNG vai plantar cara ao “golpe involucionista” do PP a través desta operación de transfuguismo, “que mostra como está disposto a todo para socavar o cambio democrático no concello”.

Neste sentido, avanzou que o grupo municipal vai traballar para “ser o catalizador desa maioría social que aspiraba a deixar atrás a especulación urbanística e que aspira a ter un concello diferente, traballando desde a firmeza e a honradez para darlle unha alternativa a toda a veciñanza que hoxe se move entre a resignación e a indignación ante o que o PP pretende consumar nas próximas semanas”.

Pontón demandou de Feijóo que non siga adiante con esta moción encuberta de censura a un goberno democraticamente elixido nas urnas, “nin cos pelotozos urbanísticos, nin cos pelotazos á democracia”.