O BNG denuncia a ilegalidade de que históricos afiliados do PP deambulen polo concello con competencias en determinadas áreas.

concelleiros sanxenxo
concelleiros sanxenxo

Sospeitan que este “voluntarismo” enmascare outro tipo de prácticas “ao manter estas persoas contacto coas empresas que traballan para a administración local”

 

O BNG denuncia a ilegalidade de que históricos afiliados do PP deambulen polo concello con competencias en determinadas áreas.

Persoas que non foron contratadas como persoal de confianza do novo Goberno local deambulan desde hai uns días polas instalacións municipais pretendendo acceder a expedientes e mesmo organizando as tarefas dos traballadores municipais en determinadas áreas. “Estamos ante unha intromisión no funcionamento administrativo do Concello e, polo tanto, ante unha ilegalidade flagrante”, afirma o portavoz nacionalista, David Otero.

O BNG advirte de que esta práctica pode vulnerar incluso a Lei de Protección de Datos, xa que calquera expediente municipal inclúe información confidencial de persoas ou empresas afectadas que non debe ser manexada máis que polo persoal municipal autorizado para iso, coa acreditación profesional necesaria, ou polos concelleiros do Goberno local.
Trátase de persoas de confianza de Telmo Martín e directamente vinculadas ao Partido Popular que, segundo asegura o portavoz do BNG, David Otero, mesmo pretenden relacionarse directamente con empresas que prestan servizos para o Concello, “unha anomalía que nos xenera moita inquedanza”.

E é que David Otero considera “moi perigoso” que persoas que non foron elixidas democraticamente como concelleiras, totalmente externas ao Concello e directamente vinculadas tanto ás empresas particulares de Telmo Martín como ao Partido Popular, teñan acceso aos expedientes de contratación e relación directa coas empresas coas que traballará o Concello. “Temos a sospeita de que este novo proceder de Telmo Martín, disfrazando de colaboración voluntaria e altruísta o desembarco no Concello dos seus máis incondicionais seguidores, pretenda enmascarar outro tipo de prácticas máis perigosas”, e que noutras administracións gobernadas polo PP derivaron nunha intervención da xustiza. “Non imos consentir que iso se reproduza aquí”.
O BNG considera ilegal que estas persoas, externas ao Concello e militantes ferventes do PP, se dediquen a estas tarefas sen contar ademais  con titulación técnica que poida xustificar que suplanten as competencias dun concelleiro delegado de área.

O BNG lembra a Telmo Martín que supón unha falta de respecto manifesta obrigar ao persoal municipal a entregar documentación e obedecer ordes de persoas que a pesar de concorrer ás eleccións nunha lista, non foron elixidas e coas que o Concello non mantén ningunha relación laboral, ademais de advertirlle que se manterá vixiante ante calquera ilegalidade que poida tratar de encubrir con esta práctica.

“Parece que dez anos non foron suficientes para que Telmo Martín cambiase as súas mañas. Retorna a Sanxenxo para converter o Concello no seu pequeno feudo  e para elo quere rodearse do sector máis rancio do PP, que sempre lle foi incondicional. Parece que non tivo liberdade para elaborar a súa lista e agora ten que soportar a concelleiros electos que non lle serven para desempeñar as tarefas de Goberno e recorre a quenes outrora o arrouparon para deixar Sanxenxo na situación na que hoxe está”.

O portavoz nacionalista, David Otero, envía a Telmo Martín unha mensaxe clara: “Ante calquer comportamento irregular terá no BNG unha única resposta: a denuncia”.

O BNG denuncia a ilegalidade de que históricos afiliados do PP deambulen polo concello con competencias en determinadas áreas.