Víctor Caamaño: "Aragunde tamén apoia o engano de Feijoo"

Víctor Caamaño: "Aragunde tamén apoia o engano de Feijoo"

No pasado pleno o BNG presentou, “vía urxencia”, unha moción referida á petición de contratación das obras de ampliación do Hospital do Salnés e de consignación orzamentaria nos orzamentos da Xunta de Galiza para a súa execución. A maioría do PP, no pleno de Cambados, impediu que fose tratado este tema de vital importancia e transcendencia para todos os veciños e veciñas da comarca. Con esta postura, Aragunde convértese en cómplice das promesas incumpridas pola Xunta de Galiza para ampliar o Hospital do Salnés. Núñez Feijoo leva dúas lexislaturas enganando á xente de xeito reiterado e a triste realidade é que a día de hoxe o único que existe é a ampliación do aparcamento; mal imos se teñen que operarnoVíctor Caamaño.s no aparcamento.

Desde o ano 2009 ao 2013, o presidente da Xunta, apoiado por alcaldes coma o de Cambados, leva prometendo millóns de euros e promesas de ampliación que logo se quedaron en nada. Pero o máis sangrante é que neste 2014 se autorice a contratación das obras de ampliación por máis de nove millóns de euros pero que nos orzamentos 2015 da Xunta, ano no que se debía realizar a obra, non aparece ningunha partida destinada a pagar ditas obras; pouca credibilidade ten a nova promesa. O que realmente pedía o BNG coa presentación desta moción é que deixen de tomarnos o pelo e que a Xunta cumpra o que leva dúas lexislaturas prometendo.

A realidade é que o presidente da Xunta de Galiza pode permitirse eses luxos de enganar con promesas á cidadanía porque conta con aliados nos concellos, como o noso alcalde, que están dispostos a encubrir as súas mentiras. Os representantes municipais son imprescindibles para defender os intereses xerais dos seus veciños e veciñas e con Luís Aragunde os nosos intereses, neste momento os sanitarios, non están defendidos; outros moitos intereses tampouco.