PP: profesionais do “escaqueo”

PP: profesionais do “escaqueo”

No último pleno municipal o BNG acusou ao alcalde de que malintencionadamente ía retrasar a aprobación do PXOM para despois das próximas eleccións municipais. Luís Aragunde, que se formou politicamente no entorno do PP, sabe moi ben que certas cuestións polémicas, como neste caso o PXOM, non deben tratarse ao final dunha lexislatura. É moito máis proveitoso electoralmente “adoquinar” rúas pedíndolle unha subvención ao amigo Louzán. Isto é moi característico do PP, que a hipócritas e electoralistas non hai que lles faga sombra e, incomprensiblemente, semella que con vos resultados ata o de agora. Está claro que cando tomas esa decisión non estas pensando no beneficio dos veciños e veciñas, senón no resultado que sairá das urnas no próximo mes de maio. E como noutras ocasións, o BNG volve a acusar ao PP de interpoñer os seus intereses aos da cidadanía nun asunto de interese xeral.

En Cambados estase a utilizar un instrumento urbanístico obsoleto como son as NNSS do ano 1994, cando as necesidades actuais e as novidades legais en materia urbanística sitúan a Cambados na idade de pedra en canto a esta temática. Aragunde está mentindo cando afirma que as actuais NNSS son suficientes para as necesidades do noso concello, cando o PP leva anos facendo modificacións puntuais desas normas ao seu gusto, cando os núcleos rurais teñen problemas para desenvolverse, cando Cambados está cheo de rúas sen saída, cando rúas que estaban planificadas non poderán ser realizadas porque xa se construíu nelas, cando non hai aparcamentos axeitados, cando o desenvolvemento urbanístico do Pombal e a Merced foi lamentable, cando se utiliza a rúa do Castro como circunvalación, cando os accesos ao instituto Asorey son camiños … ; dicir que Cambados non necesita unhas normas urbanísticas actualizadas so pode ser motivo de mentira ou de incapacidade para desenvolver a función de alcalde deste pobo.VICTOR-CAAMAÑO1

O PXOM foi o gran tema de debate nas municipais do ano 2007, cando o BNG acusaba ao PP de telo gardado nun caixón. Agora semella que segue no caixón, pero sabemos que levamos moitos anos con partidas de miles de euros nos orzamentos municipais dedicadas a pagar a empresa encargada da elaboración deste documento. Non temos noticias do PXOM pero si temos noticias dos cartos que se levan gastados nel sen poder valorar o feito e agora e, de xeito incomprensible, dinnos que sigamos agardando.

O PXOM debe ser o gran proxecto de calquera grupo político. Nel debe quedar reflectido o modelo de pobo polo que se aposta e a situación actual en Cambados é unha confirmación de que o PP non ten proxecto para o noso concello.

A pesar de todo, agardemos que despois das próximas eleccións municipais se dea o peor escenario para o PP, que sería o dun alcalde doutro grupo político que teña que xestionar e sacar adiante un PXOM feito ao gusto PP.

 

PP: profesionais do “escaqueo”