O PP de Meis négase a debatir unha moción do BNG sobre o IBI

O PP de Meis négase a debatir unha moción do BNG sobre o IBI

O BNG de Meis quere denunciar que a moción que presentou sobre o Imposto de bens Inmóbeis no mes de Xullo, despois da manifestación convocada polos veciños e veciñas, non foi levada a pleno para ser debatida por decisión do goberno do PP nin no pleno de xullo nin no de setembro. Parece que ao goberno do concello de Meis non lle preocupa a situación d@s veciñ@s. A resposta do Sr. Pérez Estévez foi que o concello non pode facer nada.2011.02.07- FOTO Meis-reducida

Desde o BNG, porén, pensamos que si se pode, desde o concello, axudar aos veciños e veciñas, por ese motivo presentamos a moción, na que pedimos que:

1. Se solicite ao Ministerio de Facenda unha nova valoración catastral “á baixa” e corrixir a súa sobrevaloración, amparándose no punto 2 apartado b) artigo 32 sobre actualización de valores catastrais do capitulo V do texto refundido da Lei Reguladora do Catastro Inmobiliario (TRLCI) onde se fai referencia a que: os concellos poderán solicitar a aplicación dos coeficientes previstos.

2. Solicitar a mellora tanto na publicidade de tramitación da ponencia de valores por parte do Ministerio de Fomento como na ampliación no seu proceso de información, incluíndo a súa aprobación polo pleno, ademais da súa publicación nos medios e exposición pública que garanta a súa difusión e coñecemento por parte da cidadanía previa á súa aprobación.

3. Solicitar deste concello a aplicación das Bonificacións contempladas na lei correspondentes a:

a) exención do seu pago para aquelas persoas que non acaden o salario mínimo interprofesional.

b) redución do 5% para os que domicilien o seu pago.

c) bonificación a favor dos bens inmóbeis urbanos situados en áreas ou zonas do municipio vinculadas a actividades primarias de carácter agrícola, gandeiro, forestal, pesqueiro ou análogas e que dispoñan dun nivel de servizos de competencia municipal, infraestruturas ou equipamentos colectivos inferior ao existente nas áreas ou zonas consolidadas do municipio.

d) bonificación para os bens inmóbeis nos que se instalaran sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar.

e) calquera outra bonificación que poida ser de aplicación e que facilite e axude no seu pago, contribuíndo a aliviar a economía familiar.

4. Solicitar tamén a posta en marcha e a aplicación das medidas precisas para facer deste un imposto realmente progresivo, facendo que se pague máis por aquelas vivendas baleiras pertencentes tanto ao parque inmobiliario das entidades bancarias como as promotoras, e tamén que aqueles que non están a contribuír por este concepto,como é o caso da igrexa católica, pasen a facelo.