Contas e contos do Albariño

Contas e contos do Albariño

Por fin ao BNG se lle facilitaron os requeridos datos da Festa do Albariño e non queremos ser malpensados supoñendo que a “premura”, nesta ocasión (ata o de agora xamais se facilitaron antes de febreiro), teña algo que ver con que estamos nun ano electoral e o PP non ten as cousas claras. O BNG considera que este tipo de datos de interese deberían ser públicos e o goberno municipal do PP debería telos expostos, actualmente, na inútil pero carísima páxina web do concello. Os datos facilitados (poden consultarse no blog do BNG) mostran uns gastos totais de 251.082´62 €, onde non aparecen, curiosamente, os gastos da habitual empresa de catering do Xantar do Albariño, o que nos leva a pensar que, tal vez, tamén se esqueceran de apuntar outros gastos relacionados coa citada festa. Tampouco, nesta partida, se considera o incremento de gastos extras de persoal municipal ocasionados polo desenvolvemento deste evento. O que si aparece é un gasto de 605 € pagado a “Libertad Digital SA”, o que demostra o compromiso, tamén, do PP de Cambados cos seus medios afíns de comunicación.

Os gastos totais facilitados non superan, como é o habitual, a partida de festexos dos orzamentos para o 2014; partida que se refire, claro está, a todo tipo de festexos que se celebren en Cambados no 2014 e non só ao Albariño. Ademais recordemos, que para esteVíctor Caamaño. ano, o PP incrementou esta partida en 25.000 € (incremento, posiblemente, debido a que para o PP rematou a crise e Mariano Rajoi xa percibe os “brotes verdes” que non albisca ninguén máis). O BNG agarda que no próximo orzamento se incremente de igual xeito a escasa partida de axudas para material escolar xa que se demostrou que hai moitas familias cambadesas que aínda non percibiron os “brotes verdes” do PP.

No seu momento, o BNG afirmou que a austeridade do PP remata cando se fala da Festa do Albariño e que en Cambados pode e debe facerse un festexo totalmente digno, axustándose á realidade económica actual do noso concello. Hai que recordar que estes gastos son pagados cos impostos municipais que como todos os veciños e veciñas saben, subiron moitísimo máis do que era razoable nos últimos tempos. Porque na suba de impostos municipais, nos últimos anos, o PP tampouco mostrou responsabilidade e, moito menos, sensibilidade cidadá.

No apartado referido a axudas recibidas, bótase de menos todas as axudas das consellerías da Xunta que Aragunde reclamaba cando o PP estaba na oposición. Resulta que agora só un departamento da Xunta (Axencia de Turismo de Galicia) fai unha aportación económica para a Festa, polo que non entendemos porque, agora, non protesta o alcalde pola “falta de compromiso coa festa da actual Xunta”. Con esta postura queda demostrado que o PP de Cambados (coma todos os PPs; por certo) di unha cousa cando están na oposición e a contraria cando goberna.

Para rematar cabe sinalar, que o listado facilitado de convidados ao Xantar volve a ocultar quen foron as persoas realmente asistentes e os seus acompañantes, pois non hai máis que ollar a referencia a “concelleiros membros da corporación municipal de Cambados” sen dar datos de quen asistiu realmente (os concelleiros do BNG non foron), nin con quen; e iso que se especificaba claramente o que se pedía previamente (asistentes ao xantar e acompañantes pagados polo concello). Isto é un bo argumento para que despois nos veña Aragunde a falar de transparencia e rexeneración política. Este representante do PP de Cambados é “un cadriño” do representante do PP en Madrid.