O BNG PROPÓN COMPENSAR CON FONDOS EUROPEOS DE PESCA OS EFECTOS DA MORTALDADE DE BIVALVOS

O BNG PROPÓN COMPENSAR CON FONDOS EUROPEOS DE PESCA OS EFECTOS DA MORTALDADE DE BIVALVOS

Pregunta á Comisión Europea se a Xunta ten feito algunha xestión ante as autoridades comunitarias por esta situación

O BNG propón que se utilicen recursos do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para compensar os efectos que está a causar a mortaldade de bilvalvos, en particular de berberecho, nas rías galegas, moi elevada na Ría de Arousa, pero tamén afecta á de Vigo e Pontevedra. A situación está a provocar preocupación entre os e as mariscadoras, cuxos ingresos se ven afectados nun contexto xa de por si difícil, e o FEMP prevé a posibilidade de destinar recursos para afrontar situacións como a que se está a afectar as rías galegas.

A través da portavoz en Bruxelas e secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, o Bloque interpela á Comisión Europea para que aclare se foi informada pola Xunta da situación e se ten recibido solicitude por parte do goberno galego para conceder axudas @s profesionais do marisqueo afectadas, a través dunha reasignación de recursos do FEMP.

Cos precedentes de “desleixo” do Executivo de Feijóo á hora de defender ao sector pesqueiro e marisqueiro en Bruxelas, -o exemplo máis recente é o sector do xeito-, Miranda considera necesario que o goberno comunitario teña coñecemento do problema, “ao que non é alleo outra gran materia pendente como o saneamento integral das rías galegas, lonxe de completarse tras décadas de mala utilización de recursos europeos que terían que terse adicado a este fin”, lamentou.

Aínda que o protozoo que parasita aos moluscos bivalvos resulta absolutamente inocuo para o ser humano, a mortaldade masiva “está tendo graves consecuencias económicas para as mariscadoras e mariscadores que explotan esta especie”, explica Miranda, de aí as iniciativas do Bloque tamén ante as institucións da UE.