O BNG PRESENTA A MOCION EN CONTRA DA CONSTRUCCION DUNHA PASARELA A ILLA DE CORTEGADA

O BNG PRESENTA A MOCION EN CONTRA DA CONSTRUCCION DUNHA PASARELA A ILLA DE CORTEGADA

8970_548456035285622_5984931491135136280_nCon esta iniciativa o BNG pretende blindar o espazo natural da Illa de Cortegada fronte a calquera acto de irresponsabilidade de Fole e do PP, metido de cheo na “loucura” electoralista.

A luz vermella tense prendido a raíz da proposta de Fole sobre a construción dunha pasarela a Illa de Cortegada. Interese que o BNG considera máis propio dos delirios dun alcalde, que metido na vertixe electoral e na procura de proxectos “espectaculares” ou fontes luminosas que vender semella ter perdido todo tino e racionalidade.

Diante da irresponsabilidade desta proposta de Fole, e a alarma que esta a crear na cidadanía especialmente nas veciñas e veciños de Carril, o BNG considera necesario solicitar o compromiso do Pleno deste Concello contra o intento de construción de calquera ponte ou pasarela que poña en risco a insularidade desta Illa.

Para o BNG o goberno de Fole, con esta acción tan irresponsable, esta a poñer en risco todo o traballo e esforzo de anos de loita do pobo de Carril, da Comisión Cidadán pro-Cortegada, de moitos cidadáns e colectivos, e tamén do BNG, (única forza política que se mantivo na mesma dende o inicio), para a declaración da Illa de Cortegada como Parque Natural Público. De aí, para os nacionalista, a necesidade da presentación desta moción, xa que consideramos que a perda da insularidade da Illa debido a construción dunha pasarela constituiría a porta para someter a este entorno natural a unha presión para que non esta preparada e que non soportaría.

Neste senso, o BNG considera a proposta que se pretende lanzar dende o PP sobre a construción dunha pasarela, vai por en perigo a conservación dun dos principais atractivos de Vilagarcía de Arousa; tanto a conservación e mantemento do parque natural, aos parques de cultivo, como tamén a fisionomía da fachada marítima do propio pobo de Carril.

Entendemos que a construción dunha pasarela constituiría a porta para que este entorno se sometese a unha presión para a que non está preparada e que non soportaría. Este feito obrigaría tamén a realizar un amplo control do acceso, para o que a día de hoxe nin por parte do Concello nin a Dirección do Parque estarían en disposición de realizalo. Así que deste xeito estaríamos pondo en risco todos os seus valores, como por exemplo unha enorme variedade de fungos (máis de 500 especies, e mesmo algunha especie nova descuberta na propia Illa) ou o sotobosque de loureiros, entre outras especies endémicas.

CortegadaAo BNG, quédalle claro polo tanto, que a Illa de Cortegada como parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, precisa dun constante desenvolvemento e mellora na súa conservación; así como, o mantemento deste espazo natural e o da súa contorna debe prevalecer por enriba de calquera outro interese. A súa conservación debe de priorizarse sobre calquera outro elemento e neste senso facela compatible co seu desfrute público.

E neste senso o BNG propón ao goberno de Fole a preocuparse en preservar os valores naturais desta Illa, poñer en valor os mesmos e fomentar o seu desfrute público promovendo o transporte marítimo en coordinación coa dirección deste Parque Nacional.

O BNG quere que se manteña o espírito que levou a consecución de Cortegada como parque natural e a declaración do mesmo, e de aí que se presente esta moción para que por parte do Concello de Vilagarcía de Arousa quede blindado este parque natural fronte a calquera futuro intento de creación de calquera ponte ou pasarela a esta Illa.

O BNG PRESENTA A MOCION EN CONTRA DA CONSTRUCCION DUNHA PASARELA A ILLA DE CORTEGADA