O BNG E O POBO DE CARRIL A PROL DA PAZ E DA LEGALIDADE INTERNACIONAL

O BNG E O POBO DE CARRIL A PROL DA PAZ E DA LEGALIDADE INTERNACIONAL

10444511_675388465863934_3629812936481761675_nO BNG E O POBO DE CARRIL A PROL DA PAZ E DA LEGALIDADE INTERNACIONAL, EN CONTRA DA RANCIA HOMENAXE QUE A DEREITA LLE QUERE FACER A ARMADA ESPAÑOLA

Trala aprobación por parte do PP, na xunta de Goberno Local, na que se da "conta do escrito presentado pola Entidade Gato Negro Sociedad Cultural e outras Entidades de Carril, solicitando a colaboración municipal para a instalación dunha placa conmemorativa no Malecón do Peirao de Carril, coa inscrición “O pobo de Carril á Armada Española”.

A Xunta de Goberno Local acorda acceder ao solicitado e aprobar o orzamento da Empresa ... para o subministro de placa de 420x297 en bronce, por un importe total de 695,75 € (IVE incluído), con cargo á partida 912.62500."

De novo o PP, esta vez a través da executiva de Tomás Fole, emprega cartos públicos para levar a cabo a colocación de efixies ou outro tipo de homenaxes aos seus caídos "colectivos" máis representativos da dereita.

Mentres temos que padecer que Tomás Fole se escude na falsa "herdanza recibida" para tratar de tapar a súa inoperatividade política, comprobamos continuamente coma os cartos da veciñanza vilagarciá vanse invertindo para pagar favores a amigos, a pagar os seus almorzos ou ben para satisfacer o capricho de turno do rexedor.

O BNG, como forza nacionalista, e o pobo de Carril non avala o deseño militarista impulsado pola OTAN, a instancias dos intereses das grandes potencias occidentais, nin apoiou, nin apoia ningunha das agresións militares nas que participou e participan aínda as Forzas Armadas do Estado español (Iraq, Afganistán, Libia).

O PP e Tomás Fole manteñen unha liña servil con esa política militarista, xa que manteñen a colaboración coa ocupación ilegal de Afganistán, e participou activamente na agresión a Libia, alén de mostrar una pasividade inxustificábel perante as agresións de Marrocos ao pobo saharauí, de Israel ao pobo palestino, que non respectan nin a legalidade internacional nin os máis elementais dereitos humanos.

Esta actitude está a afondar no descrédito dos organismos internacionais, como a ONU, pola manipulación e intimidación ao que os someten os EEUU, coa colaboración doutros estados, entres eles tamén o español.

Así, o BNG e o pobo de Carril manteñen o seu compromiso para contribuír a que a política internacional no Estado español se oriente á paz, á convivencia entre nacións, desde a defensa da libre determinación dos pobos, o seu dereito a controlar as súas riquezas, nun marco de legalidade baseado na igualdade, na xustiza e no respecto aos dereitos humanos, non na actuación unilateral, prepotente e agresiva dunha grande potencia.

Por isto e por máis o BNG solicita que se cancele este acordo e que o diñeiro se dedique a Servizos Sociais, ensino, cultura...