O BNG PIDE “CALIDADE” NA ASISTENCIA SANITARIA PARA A COMARCA DO SALNÉS

O BNG PIDE “CALIDADE” NA ASISTENCIA SANITARIA PARA A COMARCA DO SALNÉS

A deputada do BNG, Montse Prado reclamou abrir a terceira planta, “na súa totalidade”, e denunciou a precariedade das condicións laborais do persoal e mestura de patoloxías diferentes no mesmo espazo

A deputada do BNG, Montse Prado, a través dunha pregunta, na Comisión de sanidade, esixiu do Goberno “un compromiso” para ofrecer unha “atención sanitaria de calidade” no hospital do Salnés.

Apoio do BNG á folga para que o Álvaro Cunqueiro sexa público e se resolvan todas as deficiencias

A parlamentaria iniciou a súa intervención amosando o apoio do BNG á folga de 24 horas convocada para hoxe na área sanitaria de Vigo para reivindicar a reversión do hospital Álvaro Cunqueiro á sanidade pública e resolver todas as deficiencias detectadas. Ademais, lembrou que os celadores/as xa non son considerados “bata branca” e o Sergas privatizou unha gran parte das tarefas deste colectivo polo que levan varios días pechados.

O Sergas non se compromete co hospital do Salnés20141204_130517-recollida sinaturas hospital

Tras a resposta do Xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa que restou importancia a situación do hospital do Salnés, Montse Prado dixo que das súas palabras entendemos que “non van facer nada” e que permitirán polo tanto, que nunha mesma planta convivan cinco especialidades diferentes con dúas ATSs e dúas Auxiliares polo que volveu a preguntar se esa é a ratio que Sanidade considera “adecuada”, nunha planta con 37 pacientes.

Ademais, a deputada lembrou que nas últimas comparecencias, tanto a directora xeral como a portavoz de sanidade do PP afirmaron que a ampliación do hospital suporía “duplicar o servizo de urxencias mellorando a atención, tanto para adultos como para urxencias pediátricas así como un novo bloque cirúrxico e unidades de día”.Neste sentido, preguntou se a aplicación do hospital levará aparellado un aumento da ratio ou as melloras serán asumidas polo mesmo persoal.

Para a deputada, o PP concibiu os hospitais comarcais como fundacións dotándoas “moi por debaixo da media do Sergas” e dende entón, afirmou, “isto non foi solucionado”.

A parlamentaria volveu a preguntar se a terceira planta será aberta con persoal estable, se a mestura de patoloxías na mesma planta será eliminada e se os doentes en paliativos ou mulleres que van dar a luz poderán contar nunha habitación individual.

Por outra parte, denunciou a situación xerada pola falta de aparcamento da que dixo, moito nos tememos que aplicarán a mesma solución que no Álvaro Cunqueiro cun parking privado ou “leira park”.

A parlamentaria concluíu a súa intervención cualificando de “indecente” a política laboral da Xunta co persoal do hospital do Salnés sobrecargándoos de traballo e con cambios de servizos e especialidades para suplir as ausencias que se producen.