O BNG de Meis vota en contra dunha nova suba de taxas.

O BNG de Meis vota en contra dunha nova suba de taxas.

Unha vez máis o BNG vota en contra da suba de taxas ao que nos ten acostumados o goberno local do Partido Popular en Meis.

No Pleno celebrado o martes 28 de xaneiro en Meis o Goberno do Partido Popular aprobou a modificación do regulamento do Servizo de Axuda no Fogar. O cambio máis importante no regulamento é que a partir de agora non se restará o 75% da hipoteca ou aluguer para computar a renda. O que significa que persoas que antes tiñan dereito a este servizo non o teñan ou teñan que pagar por el.

Ademais aprobouse a a modificación da ordenanza fiscal que regula a taxa para o mesmo Servizo de Axuda no Fogar. Evidentemente para subir a taxa, como ven facendo con todas o goberno do PP. Para Pilar Xiráldez “a única política que coñece o equipo de goberno é incrementar as taxas que teñen que pagar os veciños e veciñas de Meis”.

Neste pleno tratáronse dúas mocións que presentou o BNG. A primeira para garantir o subministro eléctrico a persoas sen recursos que foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular.

Para o BNG, unha vez máis, o PP demostra o pouco interés polas necesidades dos veciños e veciñas de Meis, o goberno local non só debe garantir por medio da administración municipal e dos servizos sociais públicos o apoio ás persoas que o precisaren, senón que tamén debe impulsar diante do Estado español e da Xunta de Galiza iniciativas para que a prestación de servizos básicos destinados aos grupos máis desfavorecidos e medidas específicas dirixidas a persoas en risco de exclusión social e con necesidades especiais permitan contribuír a garantir o benestar, a saúde e calidade de vida nesta situación dramática que padecen.

A segunda moción presentada polo BNG era en contra da suba nas tributacións das persoas autónomas e pequenas empresas que foi aprobada por unanimidade.

 

O BNG de Meis vota en contra dunha nova suba de taxas.