O BNG ESIXE QUE SE PARALICEN AS OBRAS INICIADAS NA FINCA DE MEGASA

O BNG ESIXE QUE SE PARALICEN AS OBRAS INICIADAS NA FINCA DE MEGASA

20140909_232214O BNG ESIXE QUE SE PARALICEN AS OBRAS INICIADAS NA FINCA DE MEGASA ATE QUE SE RESOLVA O RECURSO INTERPOSTO POLOS COMERCIANTES

Para o BNG non se deberían ter iniciado as obras de derribo na finca de Megasa ate que non se resolva o recurso contencioso-administrativo contra o estudo de detalle presentado polos comerciantes.

Para o BNG non é de recibo que dende o Concello se teña autorizado as primeiras obras de demolición na parcela de Megasa cando existe un recurso por vía do contencioso-administrativo interposto por Zona Aberta e os comerciantes aínda sen resolver.

O BNG entende que dada a importancia do proxecto e a incidencia negativa que vai ter sobre o comercio local, o PP debería ter en conta as alegacións ao mesmo e polo tanto atender as súas reclamacións.

Para o BNG resulta unha falta de respeto, ao sector do comercio local, que se ten manifestado en contra da utilización da parcela de Megasa como unha gran área comercial, que non se agarde a resolver o propio recurso e se conceda vía libre a seguir desenvolvendo un proxecto que desembocará na instalación dunha grande área comercial, e por extensión na morte da nosa maior industria na actualidade como é o pequeno comercio.

O BNG rexeita este modelo de urbanismo e tamén se ten oposto ás grandes áreas comerciais e a favor do pequeno e mediano comercio. Neste sentido o BNG ten manifestado que o modelo de sociedade é aquela que humaniza as cidades e vilas onde o pequeno comercio está integrado na mesma. E non só do comercio local, a instalación deste tipo de superficies traerán consigo a morte dos nosos sectores produtivos, convertendo a unha Vilagarcía xa de por si castigada nunha cidade baleira, morta e sen contidos, ese é o modelo que o PP quere para a nosa cidade. O BNG aposta por un modelo de cidade totalmente diferente, que afortale os seus piares fundamentais nos sectores produtivos. Unha cidade dinámica, para visitar, para gozar e para vivir.

Precisamente por todo isto dende o BNG esixe do goberno do PP de Vilagarcía de Arousa non conceda ningunha outra licenza de actuación sobre a parcela de Megasa ate non esté resolto o contencioso sobre o mesmo. E no seu caso trate de impedir calquera instalación de grande área comercial na mesma.