O BNG DENUNCIA A SITUACIÓN TERCEIROMUNDISTA DO CENTRO DE SAÚDE DO MOSTEIRO EN MEIS

O BNG DENUNCIA A SITUACIÓN TERCEIROMUNDISTA DO CENTRO DE SAÚDE DO MOSTEIRO EN MEIS

Desde o BNG de Meis denunciamos o lamentábel estado no que se encontra o Centro de Saúde situado na Rochela. As instalacións están nunha situación deplorábel, cheas de humidades, gretas, correntes de aire, charcos e pingueiras que constitúen un problema de salubridade no que, paradoxalmente, é un centro de saúde.

Para o BNG estas condicións lamentábeis non só dificultan o correcto funcionamento do centro, senón que están a causar innumerábeis problemas e queixas d@s usuari@s, así como das traballadoras e traballadores que teñen que lidar diariamente con estes problemas. As salas están repletas de caldeiros para recoller a auga das pingueiras, hai charcos polo chan co risco que iso supón de caídas para as persoas, e máis tendo en conta que a maioría d@s usuari@s son persoas maiores e algunhas con problemas de mobilidade.

Desde o BNG denunciamos que esta situación non é nova, senón que se ven arrastrando desde hai xa uns anos, ante a inoperancia do Partido Popular que goberna con maioría absoluta o Concello así como por parte da Xunta de Galiza, para pórlle remedio a pesar das numerosas denuncias efectuadas polos veciños e veciñas. Esta situación estase a ver agravada polas numerosas choivas deste inverno sen que nin o Concello nin a Xunta fagan nada para remedialo. As doenzas dos veciños e veciñas poden verse agravadas ante as graves condicións nas que teñen que acudir ao centro, co frío e a humidade que teñen que padecer mentres esperan a ser atendidos sobre todo daquelas persoas que padezan dificultades respiratorias.

O Partido Popular de Meis, debería prestar máis atención as queixas dos veciños e veciñas e preocuparse pola situación do que constitúe un servizo público, básico e fundamental como é un centro de saúde. O Partido Popular debería mostrar máis respecto cara os veciños e veciñas e tomar inmediatamente todas as medidas necesarias para arranxar esta situación.

Así Desde o BNG de Meis exiximos ao alcalde, José Luis Pérez, que remedie de inmediato esta situación terceiromundista que están a sufrir @s veciñ@s do noso concello, que non merecen padecer a desidia que amosa o Partido Popular polos nosos servizos públicos.