BARÁ: "PEDIREMOS A DERROGACIÓN DA LEXISLACIÓN QUE PENALIZA AOS RETORNADOS ALÍ ONDE ESTEA O BNG"

BARÁ: "PEDIREMOS A DERROGACIÓN DA LEXISLACIÓN QUE PENALIZA AOS RETORNADOS ALÍ ONDE ESTEA O BNG"

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra participou hoxe na manifestación organizada polos emigrantes retornados do Salnés e anunciou o seu apoio á gran protesta do 10 de xuño en Compostela

“Aqueles que marcharon do país para saír adiante sobren unha penalización fiscal que está a espremer e castigar á xente traballadora fronEMIGRANTES3te ás exencións que se permiten ás grandes fortunas”

O BNG pedirá alí onde estea e onde teña representación institucional que se derrogue a lexislación que penaliza aos emigrantes retornados e se anulen as sancións impostas pola Axencia Tributaria. Así o asegurou o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, hoxe reunión que mantivo con representantes da Plataforma de Emigrantes Retornados de O Salnés, unha das máis activas de toda Galiza, aos que tamén acompañou na manifestación que percorreu durante a mañá as rúas de Vilagarcía. “A actual lexislación é inxusta e discriminatoria, polo que é precisa unha nova lei que regule a situación dos emigrantes retornados. Tamén é necesaria a anulación das sancións ás que están a facer fronte”, salientou.

Bará lembrou que o BNG sempre estivo do lado da loita e da reivindicación dos emigrantes retornados en todas as institucións nas que ten e tivo representación, xa ben nos concellos, no Goberno estatal e mesmo en Bruxelas, onde a parlamentaria Ana Miranda deu voz ás peticións dos afectados de toda Galiza para reclamar unha solución para o colectivo.

O candidato do BNG ás xerais instou a continuar a loita na rúa para reivindicar a causa: “É fundamental manter a loita e as protestas na rúa, xa que é a mobilización a que consegue manter os dereitos e as conquistas sociais acadadas polas galegas e os galegos”, asegurou. Neste sentido asegurou que a forza nacionalista acompañará tamén a todas as plataformas galegas o vindeiro 10 de xuño en Compostela, onde os afectados de todo o país se xuntarán para unir a súa voz e esixir unha resposta contundente que dea resposta ás súas demandas.

No encontro, no que participaron arredor dunhas cen persoas, Bará fixo unha reflexión sobre o que significou a emigración para Galiza tanto como “drama humano” como, dende o punto de vista positivo, “o que supuxo de retorno de divisas que axudaron a este país a saír adiante nun momento de dificultades”. “Aqueles que marcharon para poder saír adiante agora sofren unha penalización fiscal que está a espremer e castigar á xente traballadora mentres as grandes fortunas están a ser beneficiadas con exencións fiscais”, subliñou o número un nacionalista pola provincia.

Bará lembrou que a reivindicación dos emigrantes retornados para defender as súas pensións procedentes de empregos no estranxeiro terán voz no Congreso dos deputados en Madrid da man do BNG despois do 26X. “O país necesita ter presenza en Madrid con voz propia, porque estes últimos mEMIGRANTES1eses puxeron de manifesto a ausencia de Galiza en todos os debates”, dixo, para facer fincapé en que “temos que ser as forzas propias do país, galegas 100%, as que loitemos polo futuro”. O candidato por Pontevedra finalizou asegurando que “debemos defender o respecto para o noso país, a nosa dignidade e orgullo. Iremos a todas partes para defender esas ideas, valores e sentimentos que imos poñer por diante para que Galiza estea representada en Madrid”.

A Plataforma de Emigrantes Retornados do Salnés, liderada por Xosé Leirós agradeceu as palabras de Bará e o seu apoio para reclamar un cambio lexislativo e a anulación das sancións impostas pola Axencia Tributaria por non declarar as pensións que reciben os emigrantes desde outros países desde o 2008. Segundo as súas palabras, e coincidindo co candidato pola provincia, hai unha “clara discriminación dos emigrantes retornados respecto dos demais contribuíntes” por parte do Goberno español, xa que os trata como “defraudadores fiscais”. A plataforma lembra que o Estado obriga a realizar a declaración da renda a partir de 11.200 euros anuais de ingresos por empregos no estranxeiro, cando "o resto dos pensionistas só ten que facela ao superar os 22.000 euros". Ademais, engaden que o tipo impositivo que se lles aplica "é maior por idénticas cantidades que as persoas que non tiveron que emigrar".