O BNG de Meis dubida da idoneidade de instalar un parque acuático na localidade

O BNG de Meis dubida da idoneidade de instalar un parque acuático na localidade

O BNG de Meis tivemos nas nosas mans o proxecto que se lles vai presentar @s comuneir@s de San Vicente sobre o parque acuático que se pretende construír nos terreos de dita comunidade.

Retómase así un proxecto que quería levar adiante o concello de Meis e que non fixo por falla de presuposto, neste caso  preséntase un proxecto para que o execute e o explote unha empresa privada.

Despois de ler dito proxecto no BNG xúrdenos moitas dúbidas, precisa un Concello como o  de Meis un parque acuático que vai tomar a gran cantidade de auga que require para funcionar dos mananciais do noso monte, como vai afectar este uso ao abastecemento veciñal, que vai pasar cando teñamos escaseza de auga, como os últimos dous anos, e que repercusións imos ter a nivel medio-ambiental?

Que  pasará nun futuro se o parque acuático non funciona, que pode facer a empresa cos terreos?, pode facer edificios no medio do monte? por exemplo. Que repercusións a nivel de contratación de persoal pode haber no concello, cantos postos de traballo se crearán que beneficien directamente aos veciños e veciñas.

Faltan moitos datos por aclarar neste proxecto, hai moitos puntos contraditorios e dubidosos, realmente parécenos un contrato moi “escueto”, un proxecto redactado para non dar información, senón para pasar un tramite rápido sen que @s veciñ@s sexan conscientes en profundidade do que están a votar.